Pestanas principais

O Concello de Ames reforza as brigadas municipais coa contratación de dez perceptores da Risga

Xoves, 21 de maio de 2015

[21-05-2015] O Concello de Ames contratou recentemente a cinco persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), para desenvolver distintos servizos municipais.

Dende o pasado 6 de maio, dous homes e tres mulleres están a realizar tarefas de mantemento de espazos públicos e zonas verdes. Ata o mes de novembro traballarán, en colaboración coas brigadas municipais, cun contrato temporal a unha xornada do 75 por cento,  desenvolvendo labores de xardinería, limpeza e desbroce de camiños.  

A Consellería de Traballo e Benestar aportou ao consistorio amesán preto de 50.000 euros para este programa, que ten como obxectivo fomentar a inserción laboral.  

Novo proceso selectivo  
O Concello de Ames iniciará proximamente un novo proceso de selección de persoal para contratar outras cinco persoas perceptoras da Risga, nas mesmas condicións que as que xa están en activo. Deberán estar contratadas antes do vindeiro 17 de xuño e incorporaranse ás brigadas municipais, que sumará así un total de dez novos traballadores.