[30-07-2016] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que no pasado pleno celebrado o xoves, 28 de xullo, deuse conta da información periódica trimestral na que se salienta unha forte redución do período medio de pago a provedores. O goberno municipal conseguiu pasar, ao inicio da lexislatura, de 82,67 días a 40,20 días durante o segundo trimestre de 2016. Unha redución de máis da metade.
O pasado xoves, 28 de xullo, deuse conta no pleno da información trimestral que periodicamente se rende ao Pleno e que incluía a información periódica da execución trimestral do orzamento do segundo semestre de 2016, o período medio de pago a provedores, de acordo co previsto no Real Decreto 635/2014, de 25 de xullo, e maila información trimestral de morosidade.
Este Real Decreto 635/2014, de 25 de xullo, establece que as corporacións locais publicarán e comunicarán ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a información referida a cada trimestre do ano antes do día trinta do mes seguinte á finalización de dito trimestre.
No pleno salientouse a gran redución do prazo do período medio de pago a provedores, que ao inicio da lexislatura era de 82,67 días, e agora vese reducido á metade baixando a 40,20 días, último dato correspondente ao segundo trimestre do ano 2016.
Reorganización dos servizos
Desde o inicio da lexislatura e ante a elevada ratio que existía, o goberno desde o departamento económico, puxo en marcha diversas medidas para reducilo, entre elas a reorganización dos servizos, o ditado de instrucións de procedementos para axilización na tramitación das facturas, conformidade, pago, devolución etc, nos que se implicaron todos os departamentos do Concello que colaboraron nesta labor.
A concelleira Genma Otero expón que “o período medio de pago a provedores é unha ratio que mide a sostenibilidade da débeda comercial, e por iso é unha ratio moi importante que afecta ao principio de sostenibilidade financeira do noso Concello”.
“Quixera agradecer o esforzo e colaboración de todo o persoal municipal, pero especialmente do persoal do departamento económico, pois sen o seu traballo sería moi difícil conseguir esta redución, e agora toca seguir na mesma liña ata chegar a situarse por debaixo dos 30 días, que é o limite establecido por lei. Esta actuación é unha mostra da solvencia do Concello e da boa xestión deste goberno, aínda que somos conscientes de que quedan moitos pasos por dar e moito traballo por facer”, finaliza dicindo a concelleira de Economía e Facenda.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames sitúa o período medio de pago a provedores en algo máis de 40 días"
La Voz de Galicia: "El Concello rebaja a 40 días el plazo medio de pago a proveedores"




