Pestanas principais

O Concello de Ames recibiu un dos premios Lois Peña Novo

Sábado, 02 de xullo de 2011

[02-07-2011] O Castelo de Soutomaior foi o escenario escollido para a entrega dos premios Lois Peña Novo que chegaron xa á súa XVII edición. Un dos premios recaeu no Concello de Ames polo desenvolvemento dunha política lingüística dirixida ao fomento do uso do galego nun concello cunha poboación moi nova e na que existe unha porcentaxe nada desprezable de inmigrantes, sobre todo mulleres, que exercen un papel relevante na transmisión da lingua familiar. O alcalde amiense, Santiago Amor, foi o encargado de recoller o galardón. Os outros dous premios foron para Alba Nogueira López, profesora de Dereito Administrativo da USC, e Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense. O xurado encargado de ditaminar os galardoados estivo formado por Ramón Lorenzo Vázquez; Xosé Antón Gómez Segade; Miguel Barros Puente; María Xosé Devesa Fernández; Gonzalo Amoedo López e Carme Pérez Vaquero.


O traballo do Servizo de Normalización en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística realiza numerosas iniciativas en colaboración con outros departamentos municipais, coa rede asociativa do concello e con outros organismos implicados na promoción da lingua como poden ser os equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino. Dadas as especiais características deste concello, os ámbitos prioritarios de actuación son o da xente máis nova, o sector socioeconómico e a poboación procedente doutras realidades culturais e xeográficas. Algunhas das actividades máis recentes son o programa de Literatura na Praza, os certames literarios do concello, o concurso radiofónico de teatro lido Desata a Lingua, os cursos de galego preparatorios para a obtención dos celgas, o certame musical Millarock ou a campaña de dinamización do comercio amesán Calidade en Galego.


A Administración local puxo en funcionamento o 15 de abril de 2004 o Servizo de Normalización Lingüística, un departamento técnico que ten como obxectivo principal incrementar o uso e prestixio da lingua galega no ámbito municipal, ademais de contribuír á completa galeguización da Administración local e a mellorar a calidade das producións lingüísticas. Para lograr estes obxectivos desde o Servizo de Normalización desenvólvense  funcións de dinamización lingüística, de asesoramento e de formación (socio)lingüística. Deste servizo tamén se poden beneficiar todos os veciños e veciñas de Ames a través das numerosas iniciativas que desenvolve ao longo do ano como obradoiros de lingua e cultura previos aos cursos oficiais de lingua galega ofertados pola Xunta de Galicia e xestionados tamén desde o SNL.

No Concello de Ames, no ano 2006 aprobouse en pleno e por unanimidade a Ordenanza do impulso do uso do galego no Concello de Ames , un documento que regula o uso do noso idioma na Administración local amesá, na organización municipal, nas relacións coa cidadanía e coas entidades privadas e públicas, na toponimia , na sinalética , na selección do persoal... pois "nun concello que medra día tras día e que ten unhas 70 nacionalidades diferentes é importante potenciar a nosa lingua" explica o Santiago Amor.

Santiago Amor rematou a súa intervención lembrando unhas palabras de Ramón Piñeiro: "Para que unha colectividade humana teña categoría de pobo, para que teña unha unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu: un pobo ten alma de seu, cando posee idioma, e nós temos o galego".


Estes premios queren ser un recoñecemento público para todos aqueles que traballan a prol da normalización lingüística do galego. O Concello de Ames ten un compromiso coa lingua galega e préstalle especial atención aos servizos de normalización lingüística poñendo en marcha programas dirixidos á cidadanía e pensando de xeito especial nos máis novos, no colectivo de persoas procedentes doutras realidades lingüísticas e no ámbito socioeconómico.

O alcalde amiense, Santiago Amor, aludiu no seu discurso ao importante número de persoas procedentes de fóra de Galicia que residen en Ames e afirmou que "os nenos e os mozos de Ames así como as persoas doutros países que veñen ao noso concello en busca de traballo, son grupos que debemos coidar especialmente, porque a lingua sempre é riqueza", Amor lembrou que "Ames iniciou na etapa de Xosé Fernández, concelleiro do BNG, ata a pasada lexislatura, un significativo labor a prol do galego e da súa normalización lingüística, que debemos continuar hoxe coa máxima implicación da actual corporación amiense".


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames recogió uno de los premios Lois Peña Novo"