Pestanas principais

O Concello de Ames recibiu o informe solicitado á Deputación sobre o cobro da taxa do lixo no rural, no que se ratifica o procedemento e se avala o informe dos técnicos municipais

Mércores, 26 de setembro de 2012

[26-09-2012] As teses mantidas polo Concello de Ames respecto ao inicio do expediente e do contrato sobre o cobro da taxa do lixo no rural, asinado no seu día polo anterior alcalde socialista, foron refrendadas a través do informe solicitado polo actual Goberno amiense á Deputación da Coruña sobre o cobro con retroactividade. O informe do organismo provincial ratifica o documento elaborado pola Secretaría, Intervención e Tesourería Municipal e advirte das responsabilidades penais, patrimoniais e contables que suporía para o Concello a anulación dese proceso, iniciado polo anterior Executivo socialista amiense e que por imperativo legal tivo que ser continuado.

O organismo provincial vén de remitir ao Concello de Ames un informe de oito páxinas, que foi elaborado polo servizo de asistencia económica a municipios da Deputación. Este documento reitera desde o primeiro momento “a total coincidencia co contido do informe conxunto da Secretaría, Intervención e Tesourería Municipais do 30 de maio de 2012”. Neste informe destácase que o procedemento de comprobación limitada é un dos que regula a Lei Xeral Tributaria para a comprobación da situación tributaria dos cidadáns por parte da Administración tributaria municipal, que debe aplicalo segundo as facultades e límites determinados por esta propia lei.

Ademais, faise fincapé en que, de acordo co establecido no art. 103 desta normativa, a Administración Tributaria municipal está obrigada a resolver expresamente todas as cuestións planteadas nos procedementos de aplicación dos tributos. Segundo destaca, a posibilidade de “deixar caducar” o procedemento de maneira intencionada pode cualificarse como conduta dolosa e suporía a aplicación do artigo 176 da Lei 47/2003. Este artigo establece que “as autoridades e demais persoal ao servizo das entidades contempladas no artigo 2 desta lei que por dolo ou culpa graves adopten resolucións ou realicen actos con infraccións das disposicións, estarán obrigados a indemnizar á Facenda Pública estatal ou, no seu caso, á respectiva entidade os danos e prexuízos que sexan consecuencia daqueles, con independencia da responsabilidade penal ou disciplinaria que lles poida corresponder”.

O documento vai máis alá e asegura que se estaría ante un dano ou menoscabo doloso da facenda municipal que determina a obriga de indemnizar por parte de todas as autoridades e demais persoal ao servizo do Concello que adopten, por dolo ou culpa grave, resolucións ou realicen actos con infracción desta lei. Ademais, o organismo provincial incide en que administrar os recursos da Facenda Pública sen suxeitarse ás disposicións que regulan a súa liquidación, recadación ou ingreso constitúen supostos que poden xerar responsabilidade patrimonial.

O informe subliña claramente as responsabilidades que suporía tomar a decisión de paralizar ese proceso e destaca que a responsabilidade de quen participe na resolución ou no acto será mancomunada, excepto nos casos de dolo, que será solidaria. Sobre a responsabilidade contable, o informe fai referencia ao artigo 38 da Lei Orgánica 1/1982, do Tribunal de Contas, que establece a obriga de indemnizar á Facenda Pública por parte dos que, por acción ou omisión, a menoscaben.

Transparencia e legalidade
Nas reunións mantidas entre o Goberno amiense e o colectivo de afectados polo cobro da taxa do lixo no rural, os membros do Executivo puxeron sobre a mesa a súa aposta polo diálogo e por resolver a situación sempre desde o cumprimento da seguridade xurídica e da legalidade.

Coa solicitude deste informe á Deputación da Coruña, o Goberno amiense amosou a súa vontade de transparencia, que agora continuará dándolle traslado deste informe á oposición. Ademais, o alcalde convocará aos representantes da plataforma a unha reunión na que se abordará este informe.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Diputación avala el cobro retroactivo de la basura en Ames"
El Correo Gallego: "La Diputación alerta de que el gobierno de Ames puede delinquir si cae la tasa do lixo"