[21-08-2012] Roberto García e Jacobo Budiño, donos dos locais de restauración Bobber café e Don Budi, entregáronlle a semana pasada ao Concello de Ames preto dunha tonelada e media de alimentos non perecedoiros. Estes alimentos xuntáronos despois de realizar, durante os últimos meses, unha campaña de recollida de alimentos nos seus respectivos establecementos, para repartir entre as familias máis necesitadas do noso concello.
Despois da recepción dos alimentos e a almacenaxe por parte dos técnicos do concello e do concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, os encargados de que estes alimentos cheguen ás familias que están a atravesar unha situación máis precaria, serán os responsables da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), coa colaboración de voluntarios/as e do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI).
O Concello de Ames quere expresar o seu agradecemento a estes dous hostaleiros que desde a iniciativa privada e solidaria foron capaces de acadar este fermoso obxectivo e axudar, na medida das súas posibilidades, a paliar a situación precaria dalgunhas familias amienses.




