Pestanas principais

O Concello de Ames recibiu, esta mañá, a visita do Xerente de Correos

Luns, 05 de xullo de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, trasladoulle a reclamación histórica de abrir a oficina de Correos do Milladoiro polas tardes. O xerente de Correos, Xosé Chorén, comprometeuse a facer un estudo e a presentar os resultados á volta do verán.

A visita, que ten por obxecto coñecer as necesidades das oficinas do concello e mellorar o seu servizo, prodúcese logo da reclamación do alcalde de Ames de reforzar a oficina de Correos do núcleo máis grande do concello.

Blas García trasladoulle a Xosé Chorén, xerente de Produtos e Servizos da área noroeste de Correos as peculiariedades deste núcleo de poboación e as necesidades da veciñanza. Segundo o alcalde “O Milladoiro conta 13 348 habitantes, dos que moitos traballan pola mañá, e conta cun polígono empresarial. A oficina do Milladoiro dá servizo, ademais, ás parroquias de Biduído e Bugallido e mesmo a lugares do veciño Concello de Teo como Calo ou As Galanas de aí a importancia de dar un servizo completo aos veciños e veciñas”.

Pola súa banda, o Xerente de Correos, Xosé Chorén, valorou moi positivamente a visita que lle permitiu analizar a realidade social e económica das oficinas do concello. Dende Correos van  analizar os datos e realizar un estudo sobre a apertura da oficina polas tardes. Segundo Xosé Chorén “dende Correos temos que buscar o equilibrio entre garantir os mellores servizos postais aos cidadáns e xestionar adecuadamente os recursos”. O Xerente de Correos comprometeuse a ter os resultados deste estudio despois do verán.

A visita comezou ás 10 horas na Casa do Concello onde Blas García, acompañado dos representantes do goberno municipal, recibiu ao Xerente de Correos, Xosé Chorén. Dende alí trasladáronse á oficina de Correos de Bertamiráns para coñecer as necesidades desta oficina que atende á poboación de Bertamiráns, aos veciños e veciñas de nove parroquias do concello e aos do Concello de Brión.

Posteriormente achegáronse ás oficinas do Milladoiro, onde coñeceron cal é a dinámica de traballo da oficina. Xosé Chorén aproveitou para anunciar cales son os novos servizos de Correos dos que se vai poder beneficiar a veciñanza de Ames como o pago dos tributos ou o servizo de caixeiro.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle a visita e insistiu na importancia de dar un servizo completo aos veciñas e veciñas de Ames.

Reclamación histórica dos veciños/as
A veciñanza do Milladoiro levan anos solicitando a apertura das oficinas de Correos pola tarde, unha situación que se viu agravada co peche da oficina os sábados polas medidas da COVID-19. Trátase dun tema levado a pleno en varias mocións, todas elas aprobadas por unanimidade.

Dende a alcaldía, contactouse telefonicamente con Manuel Zapatero, subdirector da Rede de Oficinas de Correos, para trasladarlle a problemática existente no Milladoiro, así como a necesidade de reforzar os horarios da oficina de Correos do Milladoiro.

O alcalde de Ames solicitoulle ao delegado do Goberno, José Miñones, a intermediación nesta reclamación históricas dos veciños/as do Milladoiro na súa recente visita ao Concello de Ames.

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "Correos estudará abrir polas tardes a oficina do Milladoiro"

Lindeiros: "O xerente de Correos, Xosé Chorén, visitou a oficina do Milladoiro en compañia do alcalde, Blas García, que lle trasladou a necesidade de abrila pola tarde."

Visita do Xerente de Correos

Multimedia

  • Visita do Xerente de Correos
  • Visita do Xerente de Correos
  • Visita do Xerente de Correos
  • Visita do Xerente de Correos
  • Embedded thumbnail for