Pestanas principais

O Concello de Ames recibe unha subvención de 32.000 euros para mellorar a rede de saneamento de Oca

Xoves, 13 de setembro de 2012

[13-09-2012] A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia vén de concederlle ao Concello de Ames unha subvención para acometer a mellora da rede de saneamento de Oca. O importe da axuda, enmarcada na liña de subvencións en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ascende a un total de 32.000 euros. Deste xeito, o Concello de Ames continuará estendendo e mellorando a rede de saneamento do territorio amiense.

O obxectivo destes traballos é solucionar unha serie de deficiencias que dificultan o correcto funcionamento da rede de saneamento de Oca. Os principais problemas desta rede son que o pozo de bombeo existente non é capaz de asumir grandes caudais cando se producen importantes chuvias e que as fosas sépticas non foron correctamente tapadas e seladas.

Por estas razóns, e despois dun estudo detallado da situación actual do saneamento, o Concello de Ames detectou a necesidade de acometer unha serie de traballos. Así, en virtude desta subvención do Fondo de Compensación Ambiental, substituirase o pozo de bombeo actual por un pozo de tormentas (de medidas interiores 6,50x6,10x3,00) que permita absorber os caudais derivados de abundantes chuvias.

Ademais, acometerase a demolición e tapado das fosas sépticas existentes, mellorando a anulación dos colectores que lle daban servizo mediante un dado de formigón que cegue a entrada dos mesmos nos pozos correspondentes.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames recibe unha subvención de 32.000 euros para mellorar a rede de saneamento de Oca"