O Concello de Ames vén de recibir a resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que se lle concede unha subvención para a habilitación e mellora de infraestruturas do parque empresarial do Milladoiro. Deste xeito, concédese unha axuda de 68.593,43 euros, para a mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. O importe total desta actuación ascende a 85.741,79 euros, polo que o importe subvencionado é do 80%, mentres que o 20% restante será sufragado polo Concello.
Os/as integrantes da Asociación empresarial do Parque Novo Milladoiro teñen sinalado en reiteradas ocasións a necesidade de dotar ao polígono de mellores accesos. Así, en xuntanzas con membros do goberno municipal destacaron a necesidade de abrir un acceso ao polígono no que non fose necesario que a circulación de camións atravese o núcleo urbano do Milladoiro.
Para iso dende a Concellaría de Promoción Económica solicitouse unha subvención para a mellora de infraestruturas viarias de acceso e interiores do parque empresarial coa mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira.
Agora, o Concello vén de recibir a resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que se lle concede unha subvención para habilitar unha entrada no polígono pola estrada de Ventín- Coira. Deste xeito, concédese unha axuda de 68.593,43 euros para a mellora deste viario. O importe total desta actuación ascende a 85.741,79 euros, polo que o importe subvencionado é do 80%, mentres que o 20% restante será sufragado polo Concello.
A mellora de dito acceso ao parque empresarial permitirá seguir humanizando o núcleo urbano do Milladoiro minorando o trafico de vehículos pesados pola rúa de Abaixo e pola rúa do Muíño Vello, que dan acceso ao polígono dende a estrada N-550. Esta medida está directamente relacionada coas actuacións que se están a desenvolver para a humanización do Milladoiro, como foi a prohibición da circulación de vehículos cunha MMA de máis de 30 toneladas pola avenida de Rosalía de Castro.
Características técnicas da actuación
A actuación consiste na mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira. Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atópase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade. Pola marxe dereita de dito viario executarase unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentarase a seguridade viaria, tapando a cuneta que actualmente está en terra e que ten gran profundidade.
Tamén se acondicionará, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que se alcance unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura. O firme no sobreancho consistirá en 20 centímetros de zahorra e 15 cm. de grava con rega semiprofunda. Na calzada actual procederase a reparar as fochancas existentes con grava e rega semiprofunda e corrixirase o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio. Finalmente procederase a estender unha capa de aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Para evitar a contaminación con terras da estrada procederase ao afirmado con grava e tripla rega dos tres entronques existentes ao comezo da actuación.






