[18-07-2014] A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de comunicarlle ao Concello de Ames a resolución de concesión dunha subvención por valor de 195.435,24 euros para poñer en marcha, en colaboración co concello de Brión, o obradoiro de emprego denominado “Entre Ríos”. A través desta iniciativa, que permitirá desenvolver actividades auxiliares en conservación e mellora do monte, un total de 27 persoas (22 alumnos/as traballadores/as, que se formarán como peóns forestais, e 5 profesores/as, que compoñerán o equipo directivo) disporán de emprego durante un período de 6 meses. Este venres, 18 de xullo, pola mañá comezou na Oficina de emprego de Ordes o deseño da fase de entrevistas, para seleccionar o persoal que participará neste obradoiro. A fase de selección comezará nos vindeiros días.
O Concello de Ames e o Concello de Brión porán en marcha, de xeito conxunto, un novo obradoiro de emprego que se denomina “Entre Ríos”. Para o desenvolvemento deste obradoiro contarase cunha axuda da Consellería de Traballo e Benestar de 195.435,24 euros. Deste programa poderán beneficiarse un total de 27 persoas, que disporán dun posto de traballo durante seis meses. Neste período os 22 alumnos/as traballadores/as especializarase en actividades auxiliares en conservación e mellora do monte. Ademais, o equipo directivo estará composto por 5 profesores/as.
Este venres, 18 de xullo, pola mañá comezou na Oficina de emprego de Ordes o deseño da fase de entrevistas, para seleccionar o persoal que participará neste obradoiro. A fase de selección comezará nos vindeiros días. As persoas interesadas en participar neste programa teñen que anotarse a través das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, sinalando que desexan participar nesta acción formativa de inserción laboral.
O concelleiro de Traballo, Bernardo Moar, explicou que “o obradoiro de emprego Entre Ríos ten como obxectivo que ao seu remate, os participantes melloren as súas posibilidades de inserción por conta allea o propia coa consecución dunha cualificación profesional nunha ocupación que capacita para traballar, a través da obtención do certificado de profesionalidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”.
Formación teórica e práctica
A través deste programa preténdese que os participantes obteñan un certificado de profesionalidade de nivel 1. As accións formativas deste obradoiro de emprego desenvolveranse principalmente nas dependencias do Centro de Formación Ocupacional, que o Concello de Ames ten en Aldea Nova. A formación estará dividida en dúas partes (teórica e práctica) nas que se completarán un total de 960 horas.
Na parte teórica o alumnado formaranse en actividades auxiliares en conservación e mellora do montes. Deste xeito, impartiranse nocións sobre as operación auxiliares de repoboación, corrección hidrolóxica e mantemento de infraestruturas forestais (392 horas); operacións auxiliares en tratamentos silvícolas (210 horas); e operacións auxiliares no control de axentes causantes de pragas e de enfermidades de plantas forestais (80 horas). Ademais, haberá unha formación complementaria de 130 horas de duración en alfabetización dixital; sensibilización ambiental; formación para a igualdade; prevención de riscos laborais; e orientación, información profesional e formación empresarial.
Actuacións nos concellos de Ames e Brión
As prácticas laborais realizaranse en obras e actuacións nos concellos de Ames e Brión, que pretenden mellorar as condicións naturais da vexetación de ribeira, favorecendo os procesos de rexeneración natural, preservando dunha maneira sostible os ecosistemas de ribeira do río Sar. Ademais, acondicionarán as pistas forestais e as sendas que valorizan o atractivo turístico relacionado co medio.
Deste xeito, as actuación que realizarán serán a preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar (acondicionamento e sinalización de camiños); acondicionamento e sinalización da ruta de Piñeiro; acondicionamento de Riamonte (pozo e pistas); actuacións silvícolas nos lugares de Mercuto e Lapido (Ames) e de Saíme e Salaño (Brión); creación de faixas secundarias contra os incendios en Mercuto; acondicionamento de varias rutas de sendeirismo de Ames (ruta do río Sar) e do concello de Brión (Castro Lupario, dos Ánxeles, da carballeira de Santa Minia, dos muíños e cruceiros de Viceso e de Luaña).
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames recibe 200.000 euros para el taller de empleo compartido con Brión"




