Pestanas principais

O Concello de Ames recibe unha axuda de máis de 211.000 euros da Consellería de Economía e Industria para potenciar e mellorar as conexións viarias do Polígono do Milladoiro

Venres, 18 de xaneiro de 2013

[18-01-2013] O Concello de Ames vén de acadar unha subvención da Consellería de Economía e Industria, dotada con máis de 211.000 euros, para mellorar os accesos, conexións viarias e infraestruturas do polígono industrial do Milladoiro. Con este importante investimento, potenciarase o parque industrial amiense mellorando o seu acceso principal pola Avenida Muíño Vello, no Milladoiro, e levarase a cabo a súa conexión coa variante Galanas-Pardiñas da autovía AG-56 a través do acondicionamento dunha vía alternativa. Ademais, colocarase un colector que aliviará o bombeo actual, co conseguinte aforro enerxético que isto suporá.

Tras coñecer a concesión desta subvención, incluída nunha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais cofinanciadas con fondos Feder, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que, grazas a este investimento, “desenvolveranse e potenciaranse as comunicacións do polígono industrial amiense”. O rexedor destacou que, deste xeito, “solventaranse algunhas das carencias de infraestruturas e servizos comúns que rexistra actualmente o parque, que conta cun altísimo nivel de ocupación de empresas”. “O obxectivo é a actualización do polígono e das súas conexións”, engadiu.

Santiago Amor fai fincapé en destacar “a importancia de mellorar un motor económico para Ames como é o polígono industrial, que dá emprego a moitos dos nosos veciños e veciñas”. O Concello xa lle deu traslado desta noticia aos responsables da asociación de empresarios do polígono.

A partida máis elevada, dun total de 136.585 euros, será destinada ao acondicionamento dun viario alternativo entre o polígono do Milladoiro e a autovía AG-56, a través da variante Galanas-Pardiñas. A conexión alternativa coa autovía farase a través dunha pista de terra aberta pola concentración parcelaria de montes e dunha vía municipal xa aglomerada ao leste do núcleo de Paramuíño e que remata no nó da variante Galanas-Pardiñas a través dun tramo de pista municipal ao límite do núcleo de Ventín.

Estes traballos consistirán no acondicionamento de dous viarios pavimentados actualmente con zahorra e outro con pavimento asfáltico. Ademais da pavimentación, acometerase a sinalización horizontal e vertical do viario e instalarase unha rede de saneamento para canalizar as augas pluviais.

A lonxitude do tramo na súa totalidade é de 1.150 metros. A sección transversal prevese en dous carrís de tres metros cada un. No primeiro tramo, consistente nunha pista acondicionada con zahorra natural, estenderanse dúas capas de aglomerado e colocaranse canalizacións de pluviais. No segundo tramo, consistente nunha pista aglomerada e cunha beirarrúa na marxe oeste, o obxecto da actuación será a reparación do firme existente, mellorando a seguridade viaria e ancheando a estrada.

Melloras nos accesos e novo colector
A maiores do acondicionamento deste viario, o Concello de Ames destinará un total de 54.040 euros da subvención da Consellería de Economía e Industria a acometer traballos de mellora e acondicionamento do principal acceso ao polígono a través da Avenida Muíño Vello, no Milladoiro. Estes traballos consistirán na mellora do firme desta rúa e das súas condicións.

O obxecto da actuación é reparar o deterioro do firme do acceso rodado ao polígono, debido á intensidade do tráfico viario que rexistra. A lonxitude do tramo sobre o que se traballará é de 720 metros. Nalgúns tramos dispón de tres carrís de circulación, mentres que noutros conta con dous.

A terceira das actuacións que se acometerán no polígono industrial do Milladoiro contará cunha dotación económica de 44.864 euros e suporá a instalación dun novo colector. Esta canalización de saneamento á depuradora do parque permitirá aliviar o actual volume do bombeo, co conseguinte aforro enerxético que suporá.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames recibe máis de 211.000 euros para potenciar e mellorar as conexións viarias do Polígono do Milladoiro"