[12-07-2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia acaba de concederlle ao Concello de Ames unha subvención de 8.280 euros para o desenvolvemento de iniciativas que teñen como obxectivo a redución do abandono escolar. O Concello de Ames, consciente de que o abandono escolar temperá ten causas moi diversas, está actuando xa en moi diversos campos co fin de reducir este fenómeno.
Precisamente, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, está desenvolvendo grazas a este financiamento o programa 'Redución do abandono escolar', dirixido aos mozos/as de 2° ciclo de Educación Secundaria (3° e 4° de ESO), PCPI, Diversificación curricular e mozos/as maiores de 18 anos, que non obtiveron o título da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO). Este programa inclúe varias actividades como son os encontros educativos, celebrados en xuño, ou a preparación das probas de ESO para a convocatoria de setembro.
Actualmente, 27 persoas participan na preparación das probas da ESO para a convocatoria de setembro. Esta actividade, dirixida a mozos/as maiores de 18 anos sen título da ESO, desenvólvese os luns e mércores de xullo e agosto, en horario de 11:00 h a 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Ademais, a principios do mes de xuño arredor de 30 alumnos/as de terceiro e cuarto de ESO do IES de Ames participaron no primeiro encontro educativo que organizou o Concello de Ames dentro do programa de redución do abandono escolar. Neste encontro, explicóuselle ao alumnado as técnicas que existen para organizar o traballo, preparar os exames ou planificar o estudo diario, etc.
Tamén se lles indicou cales son as mellores condicións para aproveitar ao máximo o seu rendemento académico; analizouse o contexto e as causas que inflúen no fracaso e o abandono escolar dos mozos e mozas; facilitáronselles unha serie de recomendacións e consellos xerais para que os rapaces coñezan técnicas de estudo eficaces, técnicas de motivación e para mellorar o seu esforzo, planificación das tarefas e o estudo, influencia do ambiente, axudas ao estudo, etc.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames recibe unha axuda de 8.280 euros para a realización de iniciativas dirixidas á redución do abandono escolar"
La Voz de Galicia: "Ames recibe 8.300 euros para programas que reduzcan el fracaso escolar"




