[04-01-2016] O pasado 28 de decembro, o goberno de Ames recibiu un comunicado da Xerencia Rexional do Catastro da Coruña onde informa de como se está a desenvolver o proceso de regularización catastral iniciado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no Concello de Ames. No devandito comunicado infórmase que todas as alegacións, recursos e escritos de desconformidade presentados por veciños/as amesáns foron admitidos a trámite pola Xerencia.
En resposta aos bandos municipais publicados polo Concello de Ames o 15 de outubro e o 9 de decembro de 2015, onde se informaba as veciñas e veciños de Ames do proceso de regularización catastral 2013-2016, que puxo en marcha o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de aplicación para o Concello de Ames a partir da Resolución do 9 de decembro de 2014 e que se estenderá ata o 30 de marzo de 2016, a Xerencia Rexional do Catastro vén de informar a través dun comunicado dirixido ao alcalde, José Miñones, que todas as alegacións, recursos e escritos de desconformidade presentados polas interesadas/os foron admitidos a trámite pola Xerencia.
Desde a propia Xerencia do Catastro tamén se informa de que dispoñen dun equipo de técnicos para garantir a resolución individualizada dos expedientes coa maior celeridade e con plenas garantías xurídicas.
Sinalan tamén que os efectos no Catastro e no Imposto de Bens Inmobles das alteracións catastrais veñen regulados por lei, e xurdirán efectos desde o día seguinte a aquel no que se producen os feitos que orixinan dita incorporación catastral.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “alegrámonos de que se admitiran a trámite todas as alegacións presentadas e esperamos, que como se indica no comunicado, se de resposta á maior brevidade e con plenas garantías, pois é un problema que afecta a moitas veciñas e veciños do noso concello”.
“Seguimos á espera de que a Deputación Provincial da Coruña nos conteste ao escrito no que solicitamos o establecemento dun sistema especial de pago dos impostos para os recibos do IBI que se reciban consecuencia da regularización, para que se poida facer o pago de xeito fraccionado sen intereses, fianzas nin avais durante un período máximo de 12 meses”, remata dicindo Genma Otero.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El catastro acepta todas las alegaciones y las resolverá con garantías xurídicas"
La Voz de Galicia: "La oficina del catastro admite a trámite todas las reclamaciones amienses"




