Pestanas principais

O Concello de Ames recibe o premio Millenium Século XX-XXI pola súa aposta por eliminar barreiras arquitectónicas

Venres, 29 de abril de 2011

[29-04-2011] O empeño do Concello de Ames en adaptar a realidade arquitectónica dos seus núcleos de poboación ás necesidades das persoas con mobilidade reducida obtivo o recoñecemento por parte da Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña, que lle outorgou a este concello un dos premios Millenium Século XX-XXI polas medidas tomadas neste campo. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, recibiu este xoves no hotel AC A Coruña de mans do presidente desta asociación, José María Méndez López, o premio Millenium Século XX-XXI. O goberno municipal está traballando co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades e a non discriminación de diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos á hora de acceder aos bens e servizos do contorno amiense e no que se refire á eliminación de barreiras arquitectónicas. Para iso subscribiuse un convenio entre o Concello e o IMSERSO e a ONCE para elaborar un Plan Integral de Accesibilidade. Actualmente xa se están adxudicadas e realizándose obras para adaptar a Casa da Cultura de Bertamiráns e as instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro ás necesidades deste grupo social.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, foi o encargado de achegarse ata o hotel AC A Coruña na cidade herculina para recibir en representación do goberno municipal e do Concello de Ames un dos premios que a asociación da Unidade Provincial de Parapléxicos da Coruña outorga cada ano a aqueles organismos e administracións que apostan de xeito eficaz e comprometido pola eliminación de todas aquelas barreiras arquitectónicas, que dificultan a vida diaria e a libre circulación das persoas con dificultades de mobilidade por sufriren algún tipo de discapacidade motriz ou sensorial. Así, as obras realizadas polo Concello de Ames neste eido obteñen o recoñecemento desta asociación que ten como obxectivo incitar ás administracións á profundar nas políticas de adaptación dos contornos urbanos ás persoas con mobilidade reducida buscando a súa plena integración na sociedade tamén no que a capacidade de libre movemento polo conxunto dos espazos e instalacións municipais se refire.

O concello de Ames subscribiu un convenio de colaboración co IMSERSO e coa Fundación ONCE cuxa finalidade foi a realización dun Plan Integral de Accesibilidade que elaborou a empresa Fundosa Accesibilidade SA e que tivo un custo de 104.000 euros. A través do convenio asinado coa Fundación ONCE e o IMSERSO, a Administración local recibiu 92.400 euros, xa que logo, só tivo que achegar 11.600 euros. A cantidade restante correu por conta das entidades colaboradoras, 16.800 da ONCE e 75.600 do IMSERSO. Unha vez realizado este Plan Integral e no seu marco, o Concello levou a cabo diversas obras de adaptación de espazos e edificios municipais á normativa vixente que protexe e fomenta os dereitos das persoas con mobilidade reducida.

Adaptación da Casa da Cultura de Bertamiráns

Así, nunha primeira quenda e cun investimento de 97.400 euros, o Concello adxudicou as obras de adaptación da Casa da Cultura de Bertamiráns. O proxecto amosa como punto clave a realización dunha nova praza de aparcamento para minusválidos que se unirá coa rampla. Tamén se farán máis accesibles as escaleiras. Acorde con iso, eliminarase o ángulo recto que forman as escaleiras principais para evitar riscos. Ademais, formularanse os remates e altura das mesmas para que poidan subir por elas, sen problema ningún, persoas con mobilidade reducida incorporando os materiais necesarios como varandas. A reformulación das escaleiras será completada, por exemplo, na porta que dá acceso á cafetería e cambiarase o sentido de apertura para unha maior facilidade á hora de acceder desde fóra.

Xa no interior, estanse modificando os aseos da planta baixa colocando habitáculos adaptados para estas persoas, con espazo suficiente para entrar cunha cadeira de rodas e elementos de protección (como as varandas colocadas aos lados dos mobiliario do servizo para que poidan facer uso del con seguridade sen sufrir caídas), que dotan dunha maior seguridade aos seus usuarios fronte a posibles accidentes. Tamén se vai modificar a accesibilidade, no que a atención ao público se refire, reformando os mostradores da entrada e da cafetería, que tiñan unha altura excesiva. Ademais, modificarase a sinalización do ascensor adaptándoa ás persoas cegas, incorporándolle elementos de sinalización en braille e instaláronse barras rugosas nas escaleiras para evitar tropezóns.

Adaptación dos espazos deportivos

Nunha segunda quenda, adxudicáronse as obras de adaptación dos espazos deportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, que teñen un custe de 61.700 euros. No Milladoiro, na piscina municipal instalarase unha cadeira deseñada para persoas con mobilidade reducida que lles permita acceder ao vaso da piscina. Ao mesmo tempo habilitarase un novo vestiario e un aseo adaptado ás necesidades deste grupo social.

En Bertamiráns, realizaranse as mesmas obras na piscina e melloraranse os accesos á mesma. Con respecto ao pavillón deportivo, construirase un aseo adaptado. As melloras chegarán tamén ao campo de fútbol municipal, no que se creará un espazo cuberto reservado para persoas con mobilidade reducida e construirase unha ampla rampla de acceso ao mesmo. O orzamento destas obras ascende a uns 61.714 euros.

Os gastos destas obras corren a cargo da Deputación Provincial da Coruña no marco do seu programa de fomento das políticas de accesibilidade co que o Concello de Ames se comprometeu dende un primeiro momento, apostando por estas políticas como elemento fundamental á hora de fomentar a igualdade entre os cidadáns con mobilidade reducida e o resto da poboación, facendo que este colectivo poida desenvolver a súa vida diaria sen atoparse constantemente coa presenza de barreiras arquitectónicas que compliquen o seu día a día.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Premio para Ames por la eliminación de barreras"
La Voz de Galicia: "Ames recibe un premio por eliminar barreras arquitectónicas"