Pestanas principais

O Concello de Ames recibe o Premio Colaboración Interadministrativa da NOITE do CPEIG por impulsar a cooperación institucional como “ferramenta real de transformación económica e social”

Venres, 05 de xuño de 2026

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Colaboración Interadministrativa da XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026 ao Concello de Ames pola súa capacidade para impulsar espazos de colaboración entre administracións, tecido empresarial, centros de coñecemento e  cidadanía, convertendo a cooperación institucional nunha “ferramenta real de transformación económica e social”.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que, nos últimos anos, Ames consolidouse como “un dos municipios máis dinámicos de Galicia en materia de innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico”, apostando pola creación de ecosistemas que favorecen a xeración de oportunidades, a atracción de talento e a conexión entre os distintos axentes do territorio. “Iniciativas como InnovAmes, convertida xa nun referente como espazo de coñecemento, divulgación tecnolóxica e networking, reflicten unha visión aberta e colaborativa da innovación, achegando a tecnoloxía tanto ao tecido produtivo como á cidadanía”, apunta. 

Tamén destacan outros proxectos estratéxicos capaces de xerar novas oportunidades para Galicia, como a implantación no parque empresarial do Milladoiro do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC),  único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial e referente europeo en investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Ademais, o CPEIG destaca o traballo realizado por Ames  para fortalecer un entorno especialmente atractivo para empresas tecnolóxicas, innovadoras e de base dixital. 

“A capacidade do Concello de Ames para tecer alianzas, coordinar esforzos entre diferentes niveis da administración e colaborar activamente con empresas, entidades tecnolóxicas, universidades e centros de investigación constitúe un exemplo de como a cooperación institucional pode converterse nun motor de progreso, innovación e xeración de oportunidades para todo un territorio”, engade Suárez.

VI Xornada de innovación InnovAmes
A sexta edición da xornada de innovación InnovAmes celebrouse o pasado 20 de febreiro no pavillón municipal do Milladoiro un proxecto que cada vez ten maior acollida entre as empresas de Ames e que este ano abriu horizontes ao convidar a compañías doutras localidades galegas. Á xornada tamén asistiron arredor de 500 escolares dos centros educativos do municipio, así como representantes das tres universidades galegas e do centro de coworking A Proa. 

Organizáronse conferencias, obradoiros e exposicións de stands relacionados coa tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Deste xeito, créase un espazo no que reunir a empresas de Ames para coñecer e poñer en común os diferentes avances e novidades dentro de cada sector, facilitando así posibles colaboracións entre entidades. Como xa é habitual entregáronse os premios InnovAmes para Empresas Innovadoras, co obxectivo de achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación á vez que se crea un espazo de coñecemento e networking. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames.

Por outra parte, o Concello de Ames forma parte da Red de Ciudades de la Ciencia y la Innovación (Red Innpulso), proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Trátase dun dos máis de 100 concellos que conforman a rede, entre eles outros seis concellos galegos que pretenden avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Los informáticos premian a Ames por su colaboración interadministrativa e impulso a la innovación"

Bisbarra: "O Concello de Ames recibe o Premio Colaboración Interadministrativa da NOITE do CPEIG por impulsar a cooperación institucional"

O Concello de Ames recibe o Premio Colaboración Interadministrativa da NOITE do CPEIG por impulsar a cooperación institucional como “ferramenta real de transformación económica e social”