[15-09-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado de varios concelleiros/as do grupo de goberno e da corporación municipal recibiron este xoves, 14 de setembro, pola tarde, a 40 padexeiros/as do club de piragüismo Riberiras do Tambre, así como ao seu presidente e ao tesoureiro desta entidade amesán. Tamén asistiu o concelleiro de Deportes do Concello de Brión, Jesús Quintela, debido a que un dos padexeiros reside neste municipio. Este recibimento fíxose ao todos os rapaces e rapazas do club, pero especialmente a Gabriel Martínez, Ángel González, Luís Guilbert e Antón Rivas que lograron este ano dúas medallas no campionato de España e cinco no campionato galego infantil e cadete. Entregóuselle un prato coa “A” de Ames feita pola artesá/palilleira amesá Ana Rosa Liste. Os rapaces e rapazas escribiron no libro de sinaturas do Concello.



Por outra banda, no campionato galego de pista cadete e infantil, Gabriel Martínez foi o gañador en K-1 1000 metros da categoría cadete, proclamándose campión galego. Nesta mesma categoría, Ángel González quedou en segunda posición tralo seu compañeiro de equipo, e logrou o subcampionato de Galicia. Ademais, a parella formada por Gabriel Martínez Pachón e Ángel González Gómez gañaron a proba de K-2 1000 metros da categoría cadete, sendo campións de Galicia. Asemade, no campionato galego, Luís Guilbert quedou na primeira posición da proba de K-1 1000 metros da categoría infantil, conseguindo o campionato galego. Este mesmo padexeiro formou parella con Antón Rivas, para conseguir a medalla de bronce no K-2 1000 metros da categoría infantil A.
O presidente do club, José Ramón Mato, explicou que “o Ribeiras do Tambre conseguiu este ano un feito histórico, xa que tres dos seus padexeiros están adestrando no Centro de alto rendemento de Pontevedra ao mesmo tempo. Trátase de Gabriel Martínez, Ángel González e Luís Guilbert. Nos 28 anos que leva esta directiva traballando tivemos un total de 16 rapaces e rapazas no Centro de alto rendemento de Pontevedra, pero nunca tres ao mesmo tempo”.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “esta recepción enmárcase dentro do programa de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos. Neste caso recibimos ao club de piragüismo Ribeiras do Tambre polos éxitos conseguidos durante esta temporada nos campionatos de España e de Galicia. Desta entidade hai que destacar a súa filosofía de traballo e que son unha gran familia”. Ademais, anunciou que o vindeiro venres, 23 de setembro, o Concello faralle unha recepción a patinadora amesá, Nadia Iglesias, campioa de Europa e recente medalla de bronce no Mundial de patinaxe artístico.
A recepción fíxose a todos os padexeiros/as e a directiva deste club, pero especialmente aos padexeiros Gabriel Martínez, Ángel González, Luís Guilbert e Antón Rivas que lograron este ano dúas medallas no campionato de España e cinco no campionato galego infantil e cadete. Gabriel Martínez gañou a proba cadete K-1 1000 metros, proclamándose campión de España. Este mesmo padexeiro, acompañado de Ángel González, lograron a medalla de prata en cadete K-2 1000 metros, acadando o subcampionato de España. Tamén cómpre destacar a actuación do padexeiro Luís Guilbert, que quedou cuarto clasificado en K-1 1000 metros, na categoría infantil do campionato de España.





