[19-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, xunto con varios/as concelleiros/as do goberno municipal recibiron esta mañá ás delegacións de seis institutos de Polonia, República Checa, Italia, Alemaña, Turquía e Suecia que participan no Proxecto Europeo Comenius. O IES de Ames acolle esta semana aos alumnos/as e profesores/as participantes no proxecto “Bridges” enmarcado no programa Comenius 2011-2013 financiado pola Unión Europea. Ademais, ás 13:00 horas o alumnado que participa neste programa procedeu ao “levantamento dun piar”, que recolle todos os traballos que realizaron ao longo desta semana no IES de Ames. O proxecto educativo internacional de intercambio Comenius pretende que mozos e mozas de diferentes nacionalidades coñezan a diversidade das culturas que conviven no vello continente europeo.
O martes foi no IES de Ames e este xoves a recepción das delegacións dos seis institutos participantes no Proxecto Europeo Comenius desenvolveuse na Casa do Concello. Nesta recepción participou o alumnado e o profesorado dos institutos Zespól Szkól Szkola Podstawowa im de Polonia, Strední odborná skola logistická a strední odborné uciliste Karlovy Vary da República Checa, I.I.S.S. R Casimiri de Italia, do centro Das Balthasar-Neumann-Gymnasium de Alemaña, Halkali Ticaret Meslek Lisesi de Turquía e do centro Akerskolan de Suecia.
O acto de recepción estivo presidido polo alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado do concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, e pola concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González. En representación do IES de Ames asistiron a directora do centro, Marisol Louro, e a coordinadora deste programa no IES de Ames, Paz Peña. Tamén asitiu a este acto o coordinador internacional do programa Comenius, Vlastimír Sunek.

Terceiro piar a partir do Camiño de Santiago
No encontro cos estudantes, que recibiron material informativo e promocional do Concello de Ames como agasallo, o alcalde de Ames transmitiulles o seu desexo de que “este programa teña continuidade no futuro pola importancia que ten” e manifestou o seu desexo de que “serva para que vos sigades formando”. O rexedor municipal tamén incidiu en que “estes días serviranvos para coñecer a xeografía galega e de Ames”. Por último felicitou ao IES de Ames por levar a cabo este tipo de iniciativas.
Os directores dos centros tamén lle entregaron diferentes obsequios ao rexedor municipal. A maioría deles eran libros, CDs ou documentos sobre os seus lugares de orixe. Precisamente o coñecemento e achegamento entre xentes de diferentes países é un dos atractivos desta iniciativa europea. A directora do IES de Ames, Marisol Louro, aproveitou para darlle as grazas ao alcalde e dixo que “o Concello sempre colabora con nós recibíndonos no Salón de Plenos e mostrándonos as súas instalacións cando temos alumnos/as de intercambio no noso centro. Isto é algo de agradecer”.

Neste programa participan un total de 25 nenos/as de entre 15 e 17 anos e 17 profesores/as procedentes de 6 países (Turquía, Alemaña, Suecia, Polonia, República Checa e Italia). Esta é a primeira experiencia de intercambio con Galicia de todos estes nenos e profesores. O proxecto Bridges pretende tender pontes entre países con culturas moi diferentes. Os alumnos viaxan a cada país, onde coñecen os seus principais elementos culturais e buscan puntos de encontro, establecendo unha conexión internacional.
Turquía acolleu xa unha primeira reunión preparatoria do proxecto na que participaron os profesores. Posteriormente, en Polonia e na República Checa os alumnos do proxecto Bridges construíron os dous primeiros piares desta ponte intercultural. En Ames levantaron o terceiro piar a partir do Camiño de Santiago. Ademais, nesta semana de intercambio realizaron excursións e obradoiros didácticos. A construción da ponte continuará o próximo curso en Italia, Suecia e Alemaña.
O IES de Ames xa participou xunto a varios centros de Francia, Grecia e Italia no Proxecto Europeo Comenius 2006-2009, que abordou un programa cheo de actividades centradas no Desenvolvemento Sostible. A enerxía foi o tema central.





