Pestanas principais

O Concello de Ames recibe definitivamente as obras de acondicionamento da contorna da piscina cuberta municipal A Telleira e do parque do río Ameneiral

Luns, 05 de marzo de 2012

[05-03-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, formalizou hoxe xunto aos responsables da empresa Beirasar de Xestión e da Xunta de Compensación a recepción definitiva das obras de acondicionamento da contorna da piscina cuberta municipal A Telleira e do parque do río Ameneiral. No acto de sinatura estiveron presentes ademais o concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, o responsable de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfredo Taboada, e a arquitecta municipal, Marta Bellas.

Recepción da contorna da piscina

A recepción da contorna da piscina municipal cuberta A Telleira pecha o expediente iniciado en 2003 e pon fin a seis anos de demora neste trámite. Os traballos que hoxe se reciben refírense a ampliación da rúa da Telleira e ao axardinamento dos exteriores do edificio da instalación deportiva, ademais dos accesos e a dotación da zona cos servizos urbanos necesarios, como as beirarrúas, o alumeado e as canalizacións. Inclúe varias áreas de xogos e a parcela da futura casa consistorial (acondicionada provisionalmente como aparcadoiro).


Nesta zona verde conservouse o arboredo de ribeira preexistente, sobre todo no contorna inmediata á canle do río, e instaláronse tres áreas de xogos infantís. Unha rede de sendeiros peonís discorren entre o céspede e cruzan o río a través de tres pontes peonís O parque dispón ademais de atractivos elementos de mobiliario urbano como bancos, papeleiras ou fontes. Conta con sistema de rega por aspersión automatizada e reduciuse o fluxo de iluminación (luminarias, focos insertidos no trazado dos sendeiros e proxectores que iluminan un grande espacio central propicio para que os nenos fagan deporte). Nesta actuación, recolocouse un hórreo preexistente e rehabilitouse o lavadoiro baixo unha das pontes. Ademais, sinálanse de forma sutil os cambios de pavimento nos antigos sendeiros da zona. Na marxe sur do parque, acóllese un espazo deportivo de voleibol e prevese unha área para futuro desenvolvemento de actividades formativas.

Respecto ao viario público, hai que sinalar que a través do acondicionamento e ampliación da rúa do Rueiro e da rúa do Arrucheiro enlázase a travesía da Peregrina coa rúa de Agriñas. Ábrese unha vía nova que, a través dunha ponte rodada e peonil, conecta a rúa do Arrucheiro coa rúa do Pedregal completando o espazo dunha gran rotonda, que será acondicionada proximamente no punto en que conflúen tamén a travesía do Pedregal e a rúa do Poeta da Maía.


A recepción oficial destes traballos é froito da axilización dos trámites administrativos impulsada nos últimos meses polo goberno municipal, o que permite agora regularizar a situación dunhas 200 vivendas da urbanización do río Ameneiral. Deste xeito, os afectados poderán solicitar xa a licenza de primeira ocupación, paso previo imprescindible para darse de alta na subministración da luz e da auga e para beneficiarse de todos os servizos municipais correspondentes.

A recepción do parque do Ameneiral afecta a unha gran zona verde de 33.758 metros cadrados a ambas as dúas marxes do río, así como á apertura dun novo viario público e á ampliación do sector en 7.562 metros cadrados. Con esta recepción, O Concello de Ames pasa a facerse cargo do mantemento e limpeza das zonas verdes e do viario público de nova creación (inclúe gastos como a recollida de lixo, o pago da electricidade, da iluminación ou da auga da rega).


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames recibe el parque de Ameneiral y desbloquea la ocupación de 200 pisos"