[16-10-2012] O Concello de Ames vén de recibir da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o proxecto básico e de execución para a obra de ampliación do CEP de Ventín, no Milladoiro. O seguinte paso será o tramite e concesión de licencia para esta edificación en Xunta de Goberno Local.
Actualmente, o edificio conta cunha superficie total construída de 2.484 metros cadrados. A ampliación suporá a construción de 861 metros cadrados máis e outros 300 metros cadrados de patio cuberto. O orzamento de execución da ampliación supera os 1,6 millóns de euros.
O proxecto para a ampliación do colexio de Ventín pretende dar resposta ás necesidades que presenta o actual centro educativo. O proxecto supón unha ampliación do colexio, pasando de 18 a 24 unidades. Isto levarase a cabo dispoñendo unha nova planta sobre a ala sur que se prolonga sobre o edificio existente creando un patio cuberto sobre o que se disporá un novo núcleo de escaleiras. O proxecto inclúe, ademais, reformas no interior, unhas vinculadas á reubicación de determinados usos para conseguir un mellor funcionamento de conxunto e outras vencelladas á reforma das instalacións existentes.
En 2011, o Goberno amiense xa destinara unha partida económica de 50.000 euros para eliminar un talude do recinto educativo, co obxectivo de gañar máis espazo e dotalo de maior seguridade.
Esta ampliación permitirá desconxestionar o centro educativo de Ventín e supón un impulso máis ás dotacións educativas do Milladoiro. Á recepción deste proxecto únese ao recente envío por parte da Xunta de Galicia do informe favorable sobre o plan especial para a implantación dunha dotación escolar no Milladoiro. Tras a recepción deste informe favorable, o próximo paso que levará a cabo o Concello de Ames será reunirse cos propietarios dos terreos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Piden licencia para seis aulas y un patio cubierto en Ventín"