[03-11-2012] O Concello de Ames recibirá, a través dunha axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), un total de 33.955 euros para acometer a mellora do peche do Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns. As obras a realizar permitirán o peche do Pazo da Peregrina co obxecto de protexer esta obra arquitectónica da Idade Moderna incluída no Catálogo de Patrimonio Cultural do PXOM e no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.
Na actualidade, no alzado principal do Pazo existe un peche de pedra de 95 centímetros de alto. Sobre este valado proxectase a colocación dun peche metálico. Ademais, tamén se acometerá a reparación e mellora dun portalón. Tanto o enreixado como as follas do portalón manterán as características de deseño dos actuais, tanto nas formas como na cor.
Desde a Concellaría de Obras subliñan que estes traballos permitirán mellorar a protección do Pazo da Peregrina, ao dotalo dun peche que impide o acceso ao recinto cando este estea pechado ao público. Deste xeito, tamén se contribuirá a garantir a súa conservación para o goce dos veciños e veciñas.
O edificio, propiedade do Concello, é un conxunto arquitectónico encadrado nun gran espazo axardinado. O inmoble alberga oficinas municipais de atención ao público e nel é común a celebración de actos culturais e o oficio de vodas civís. Tamén os xardíns do Pazo son empregados polos veciños e veciñas como zonas de recreo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El Agader destina más de 2,7 millones a 70 proyectos en concellos de Terras"




