[23-08-2016] Foi unha reunión familiar onde se contaron anécdotas e se intercambiaron experiencias e agradecementos. O Concello de Ames realizou esta mañá a recepción oficial aos nenos e nenas saharauís que pasan o verán en Ames con familias de acollida. Tamén acudiu Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) que recibiu de mans do alcalde, José Miñones, a insignia de prata de Ames en recoñecemento polo traballo feito a prol do Sahara e da estadía dos rapaces e rapazas en Galicia. Á recepción acudiu tamén Alina, unha nena rusa que pasa o verán cunha familia de Ames desde hai tres anos. Todos levaron o seu agasallo: mochilas, material escolar e un pin para os máis novos e libros para as súas familias. Previo ao acto, os nenos e as nenas, acompañados de papás, mamás e irmáns galegos acudiron á Radio Municipal de Ames.
Mrabit quere ser policía, Jadilla mestra, Alí monitor de piscina e outro rapaz, que tamén leva o nome de Mrabit médico. Son algunhas das cousas que os nenos e a nena saharauís que hoxe acudiron á recepción do Concello contaron un pouco antes do acto á audiencia de Ames Radio. Tamén a través deles Ames puido saber que este foi un inverno duro nos campamentos de refuxiados do Sahara, que houbo inundacións e caeron moitas das poucas casas de adobe que hai nos asentamentos, entre elas a de Mrabit, o neno que quere ser policía, cuxa familia vive agora nunha haima, que nalgúns asentamentos hai pozo pero que na meirande parte deles a auga chega en camións cada certo tempo, o mesmo que a comida: arroz, patacas, legumes e algunhas veces plátanos.
Contaron tamén os nenos e as nenas que na escola estudan árabe, castelán e matemáticas e que o que máis lles gusta de estar en Ames son as familias que os acollen, a comida, a auga e a praia. Contárono con acento árabe nun castelán que os máis veteranos perfeccionan ano a ano e que os que veñen por primeira vez aprenden cunha rapidez sorprendente, e tamén en galego, idioma no que Mrabit se desenvolve ás mil marabillas e co que Alí rexouba a Roberto, o seu pai de acollida: “eu son un lambón e ti es un trapalleiro”. Roberto afrontou en solitario a aventura do acollemento e di que nunca foi tan consciente de que máis da metade das cousas que temos nos sobran “Eles ensínannos a vivir con moi pouquiño”.
Leccións como as que xa levan recibindo tres anos María e Luis, os papás amienses de Mrabit: “Incluso no inverno está presente todo o tempo; cando tiramos sobras de comida, por exemplo, sempre dicimos, se estivera aquí Mravit, isto non o faríamos”. Lola, nai de acollida de Jadilla que é a primeira vez que viaxa a Galicia, salienta a xenerosidade que teñen os rapaces e as rapazas saharauis: “Jadilla é unha rapaza moi aberta, ten ganas de aprender, de compartir. Abre unha fruta, por exemplo, e a comparte con todos, e os nosos nenos aprenden moito diso. Xa non te digo de recoller, traballar, axudar ós pais ou achegarse á xente maior. Nos temos unha tía maior enferma de Alzheimer e Jadilla mostrase moi sensible con ela, sempre está pendente dela”. “Supoño que todos os que temos nenos sacamos a mesma conclusión, que ós nosos fillos dámoslle moito de máis, cousas que non son realmente necesarias”, manifesta Juan, pai do Mravit que quere ser médico.
Na recepción que o concello ofreceu aos nenos e nenas e as súas familias de acollida estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, as concelleiras de Servizos Sociais e Igualdade e Participación e Atención Veciñal, Luisa Feijo e Isabel González Cancela, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e as concelleiras Chus Boo de Ames Novo e Oliva Agra do Partido Popular. No transcurso do acto o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais amosaron a intención de continuar e facer medrar máis se se pode o programa e Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), recibiu de mans de José Miñones, a insignia de prata do concello “en recoñecemento polo traballo feito durante todos estes anos”. Esther, que trouxo a Ames a Hafdala ate que o neno cumpriu a idade límite que marca o programa “Vacacións en paz”, recordou emocionada as dificultades que a Asociación tivo este ano para poder traer as nenas e os nenos: “Foi un ano bastante duro e houbo momentos nos que vimos perigar a viaxe. Pero ao final todo saíu ben e a verdade é que foi moi sorprendente porque todos os nenos se acomodaron ás súas familias e as familias a eles sen ningún problema. Todo o mundo está contento, a Asociación está contenta e eu persoalmente tamén. Está sendo un verán marabilloso”. Esther quixo recoñecer tamén o labor Leo Pena, traballador social que se encarga do programa no Concello.
O Concello de Ames aportou este ano os cartos para pagar seis billetes, catro máis que o ano pasado. “Nunca me sentín tan orgullosa do meu concello como cando na reunión que mantivemos para ver como facíamos porque os cartos dos concellos non chegaban e a Compañía Área esixíaos para que os nenos e as nenas puidesen voar, Ames era un dos poucos concellos que xa ingresaran os cartos en tempo”, manifestou no transcurso da recepción María, a nai de acollida de Mravit.
Os rapaces e rapazas saharauís permanecerán en Ames coas súas familias de acollida ate o seis de setembro.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:" Miñones prevé firmar el acuerdo con el Sergas para el centro de salud en septiembre"
El Correo Gallego:"Ames espera que lleguen este año las obras para el nuevo centro de salud"