Pestanas principais

O Concello de Ames recibe aos 7 nenos e nenas saharauís que están pasando o verán en Ames

Martes, 28 de agosto de 2018

[28-08-2018] Un ano máis o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio acollen durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Nesta edición son 7 familias amesás as que acollen a 4 nenos e 3 nenas ata o vindeiro 6 de setembro. Esta mañá foron recibidos pola Corporación municipal no salón de plenos da Casa do Concello, onde intercambiaron anécdotas e experiencias. Á recepción acudiu tamén Alina, unha nena rusa de Chernóbil, que pasa o verán cunha familia de Ames desde hai cinco anos. Todos e todas levaron o seu agasallo: mochilas, material escolar, cadernos e un pin.

Busca de novas familias de acollida
Ademais, no transcurso do acto o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais amosaron a intención de continuar e facer medrar máis se se pode o programa Vacacións en Paz. Esther Ibarra lembrou que este ano xa está aberto o prazo para que novas familias de Ames se adhiran a dito programa, porque varios dos nenos e nenas que participaron no programa este ano cumpren os 12 anos e o vindeiro ano xa non poderán participar no programa.

A representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí aproveitou a ocasión para, en nome de SOGAPS, agradecer ao Concello de Ames que se convertese nos últimos anos nun referente en canto á participación neste programa. Para Esther Ibarra, se ben é certo que este Concello sempre acolleu, neste momento é un referente en canto ás facilidades que ofrece á SOGAPS na cobertura das súas experiencias. así como nas actividades que propón. Tamén tivo unhas palabra para os nenos e nenas, a través das que expresou o cariño que lles teñen as familias de acollida, ao tempo que lles desexou que volvesen ben aos campamentos e puidesen contarlles ás súas familias as súas vivencias.

Por outra parte, tamén quixo agradecerlle ás familias de acollida a súa xenerosidade e, sentiu que as súas accións non tivesen repercusión política no territorio saharauí. “Oxalá non tivésemos que traelos, oxalá non tivésemos que facer iso porque isto significaría que todo está ben no Sáhara”.

Intercambio de experiencias e anécdotas
Este acto, que normalmente se realiza cada verán, serve para intercambiar experiencias e coñecer como foi a estadía destes nenos e nenas en Ames. Os rapaces e rapazas dixeron que lles gustaba moito Galicia, sobre todo as súas praias e a súa gastronomía. Tamén indicaron que lles encanta ir a piscina. Como anécdota a familia que acolle a Brahim dixo é que é un experto construtor de jaimas e que o demostrou na praia construíndo varias jaimas con cañas e toallas. A nena rusa de Chernóbil, Alina, tamén tivo unha pequena queixa para o Concello, xa que ao ter 14 anos este ano non puido participar nos lúdicos de verán, algo que segundo dixo lle gustaba moito.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, comezou agradecéndolle aos nenos/as e as súas familias de acollida o que están facendo, sobre todo estas últimas, polo efecto chamada que a súa experiencia supón para outras familias. Salientou o importante da función das familias de acollida, sobre todo tendo en conta o complicado que é atopar novas familias dispostas a acoller. Tamén quixo agradecer o traballo da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e da súa representante na comarca, Esther Ibarra.

O alcalde, JoséMiñones, recalcou “o Concello de Ames é un concello moi solidario, non só polo voluntariado que se leva a cabo, tamén no seu día a día”. Para rematar o acto, fixo fincapé en que buscar familias sempre é difícil, polo que aproveitou para pedirlle ás familias presentes “que trasladen a súa experiencia a outras familias sobre o programa de acollida”, posto que a súa experiencia directa, “que en máis do 90% dos casos é positiva” pode animar a outras persoas mellor que calquera outro chamamento.

Alien, Jadiya, Aicha, Jalil, Ensaha, Brahim e Hassana son os 4 nenos e 3 nenas que están pasando as vacacións de verán con familias de Ames dende comezos de xullo. Esta mañá participaron nunha recepción oficial que lles fixo o Concello de Ames. Deste xeito, foron recibidos polo alcalde de Ames, José Miñones, pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, así como outros membros do goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular e de Ames Novo.

Neste acto tamén participaron as familias amesás que está acollendo a estes nenos e nenas, así como Esther Ibarra, representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Á recepción acudiu tamén Alina, unha nena rusa de Chernóbil, que pasa o verán cunha familia de Ames desde hai cinco anos. Esta nena tamén estivo acompañada da súa familia de acollida.

Os 7 rapaces e rapazas estarán en Ames ata o vindeiro 6 de setembro. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos rapaces e rapazas saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Concello de Ames recibe aos 7 nenos saharauís que están pasando o verán en Ames"
La Voz de Galicia: "Esther Ibarra: «Sempre aparecen familias para o acollemento de menores do Sáhara»"