[10-04-2011] A Administración local aprobou e puxo en marcha a comezos de 2009 un plan de inspección dos tributos municipais. Deste proceso encárgase o departamento de Tesourería municipal, que traballa de xeito conxunto coa empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial. O primeiro plan de inspección do ano 2009 contou cunha recadación de 662.978,93 euros. O plan de 2010 contempla unha recadación de 640.998,38 euros, e durante o ano 2011 xa se liquidaron actas por valor de 367.975,44 euros. O importe total é de 1.671.952,75 euros, pero hai que quitarlle dúas baixas por valor de 349.676,46 euros, polo que dende que se puxo en marcha esta plan de inspección recadouse un total de 1.322.276,29 euros. Para darlle continuidade a este traballo o goberno municipal aprobará nas vindeiras semanas o terceiro plan de control e inspección tributaria no Concello de Ames para o exercicio 2011.
O Concello de Ames está realizando unha forte inspección sobre todos os tributos que recada durante o exercicio fiscal. Nese aspecto, estase a realizar un traballo especial cada ano co imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e co imposto de actividades económicas (IAE). Para iso, a comezos do ano 2009 aprobouse e púxose en marcha un plan de inspección que redunda especialmente no control das liquidacións do imposto de construcións, instalacións e obras e de todas as liquidacións provisionais deste imposto con efecto retroactivo.
Este traballo faise a través do departamento de Tesourería municipal, que está levando a cabo unha forte inspección de todos os impostos que se recadan ao longo do ano. Neste traballo tamén colabora a empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial. Para darlle continuidade a este traballo o pasado ano aprobouse o segundo plan municipal de control e inspección tributaria, que ampliou a inspección sobre outro tipo de impostos e taxas municipais. A actividade da inspección tributaria local do Concello de Ames durante o ano 2010 dirixiuse cara a consecución de dous obxectivos básicos que foron a corrección dos incumprimentos tributarios e a prevención dos que se puideran producir nun futuro próximo.
O plan de inspección consiste en comprobar que o custo de execución material da obra era o que figuraba no presuposto inicial emitido pola empresa adxudicataria no momento de solicitar a licenza de obra. A contía do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, o custo de execución material dos traballos realizados. Este custo soamente se coñece ao finalizar a obra.
En moitos casos as empresas adxudicatarias de licenzas de construcións elaboran un proxecto técnico que é unha primeira previsión dos gastos que carrexará a execución da devandita obra seguindo o proxecto elaborado. Pero posteriormente realízanse diversas modificacións ou melloras que levan consigo un aumento do presuposto. Debido a iso faise preciso facer un seguimento dos traballos executados para realizar a obra e comprobar que o orzamento inicial coincida co custo final das obras. De non ser o caso a compañía deberá aboar a parte proporcional desa diferenza que existe no presuposto en forma de imposto ao Concello.
Por conseguinte, no ICIO, a remuneración tería que situarse ao finalizar os traballos, cando estea rematada a obra en cuestión e cando se poida coñecer o custo real e efectivo deses traballos. É por iso que este imposto hai que pagalo en dous momentos, unha remuneración adiantada ou liquidación provisional, e unha final que vai unida á realización de melloras ou outro tipo de arranxos na obra que se levou a cabo anteriormente, que dá lugar á liquidación definitiva do imposto.
Plan inspección 2009
O goberno municipal decidiu inspeccionar as empresas promotoras que deixaban de tributar por parte das obras que facían, danando ao erario público e o interese cidadán. Durante o exercicio 2009 aprobáronse actas de conformidade e desconformidade que suman unha contía de 662.978,93 euros.
Despois de rematar o proceso de inspección sobre o ICIO correspondente ao exercicio 2009, aprobouse a liquidación definitiva destas contías correspondentes ao ICIO e procedeuse a notificarlle este acordo ás empresas co fin de que fixeran o aboamento deste tributo no prazo estipulado. Algunhas das empresas que tiñan que efectuar este pagamento mostraron o seu desacordo e presentaron alegacións. Por esta vía optou a promotora Santiago Sur Galicia SL que presentou catro recursos de reposición fronte aos acordos de liquidación derivados das actas de desconformidade emitidas o pasado 19 de maio de 2010.
Despois de que dende os servizos técnicos municipais revisasen toda a documentación presentada pola devandita promotora, a Xunta de Goberno Local, acordou anular a liquidación derivada destas actas de desconformidade e aprobar a liquidación de catro expedientes de inspección por valor de 300.380 euros. Esta contía é resultado da diferencia de custos que mantiña a empresa que lle ocasionara a execución de catro proxectos e o que defendía o Concello de Ames.
Outro caso é o da promotora inmobiliaria Mahía que interpuxo nove recursos contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno local do 30 de decembro de 2009, no que se recollía a liquidación de varias actas de conformidade e desconformidade do plan de inspección do ICIO.
Ata o de agora os xulgados do contencioso administrativo de Santiago de Compostela e a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déronlle a razón ao Concello de Ames en cinco recursos interpostos pola promotora inmobiliaria Mahía en relación con liquidacións polo imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) viradas na fase de fin de obra e na que se detectou que o orzamento consignado nos correspondentes proxectos non respondía á realidade.
Concretamente as sentencias emitidas din que se desestiman os recursos presentados por unha promotora inmobiliaria contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria celebrada o día 30 de decembro de 2009, pola que se aproba a liquidación con carácter definitivo de cinco actas de desconformidade, que ascenden a un total de 31.002,24 euros.
Plan inspección 2010
O plan de 2010 contempla unha recadación de 640.998,38 euros, con 538 actuacións en total. Durante o ano 2011 xa se liquidaron actas por valor de 367.975,44 euros. O importe total é de 1.671.952,75 euros, pero a esta contía hai que quitarlle dúas baixas por valor de 349.676,46 euros, polo que dende que se puxo en marcha esta plan de inspección recadouse un total de 1.322.276,29 euros. Para darlle continuidade a este traballo o Concello de Ames ten previsto aprobar o terceiro plan municipal de control e inspección tributaria no Concello de Ames para o exercicio 2011.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames recauda 1,3 millones con la inspección de obras"




