Pestanas principais

O Concello de Ames realizou preto de 300 actuacións nun ano e medio no marco do plan de mantemento das instalacións semafóricas

Xoves, 10 de abril de 2014

[10-04-2014] O Concello de Ames poñía en marcha hai un ano e medio o plan de mantemento das instalacións semafóricas do municipio. Con esta xestión, o obxectivo que se marcou o goberno municipal neste eido foi mellorar a seguridade viaria e garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías. Nos últimos 18 meses, leváronse a cabo preto de 300 actuacións encamiñadas a solucionar posibles deficiencias e a mellorar as condicións destas instalacións.

Entre os traballos realizados, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, desenvolvéronse tarefas de substitución de elementos dos semáforos, como as lámpadas ou as fontes de alimentación. Os operarios realizan periodicamente a revisión e mantemento de todos os semáforos do municipio e atallan as avarías detectadas e os avisos trasladados pola Policía Local de Ames.

Nestes meses, deuse solución a avarías que presentaban as instalacións semafóricas, repoñendo lámpadas, cóbados de suxeición e outras pezas. Ademais, revisouse a limpeza dos semáforos e o estado dos puntos de suxeición así como das partes eléctricas e electrónicas que os compoñen.

Os traballadores encargáronse da revisión das ópticas de led e das lámpadas dos semáforos, así como da comprobación da tensión e do funcionamento dos pulsadores. Tamén se acometeu o engraxe de pezas e a revisión do estado da canalización e do cabreado.

Mellora da seguridade viaria
No marco destas tarefas de mantemento das instalacións semafóricas do municipio, tamén se inclúen o reaxuste de determinados semáforos ou a súa posta en funcionamento, sempre en coordinación coa Policía Local e co obxectivo de mellorar a seguridade viaria tanto de peóns como de condutores. Por exemplo, estableceuse a coordinación dos semáforos da Avenida da Maia na súa confluencia coa Avenida da Peregrina co obxectivo de favorecer e incrementar a seguridade dos peóns que circulan por estas rúas.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou coa empresa Telvent o contrato do servizo de mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames en agosto de 2012. Con este paso, o Goberno de Ames cumpriu o seu compromiso de traballar para garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica do municipio, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías.

Ante a imposibilidade de acometer estas reparacións con medios propios municipais, o Concello decidiu sacar a licitación este servizo, co que quedaron cubertas as garantías de funcionamento da rede de semáforos. O obxectivo do goberno amiense é traballar en favor da seguridade viaria e garantir o correcto funcionamento da rede semafórica.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames acometió en año y medio trescientas intervenciones en la red de semáforos del municipio"
El Correo Gallego: "Ames realizou preto de 300 actuacións nun ano e medio no marco do plan de mantemento das instalacións semafóricas"
El Correo Gallego: "Melloran os semáforos de Ames con 300 actuacións"