Pestanas principais

O Concello de Ames realizou arredor de 350 actuacións en dous anos no marco do plan de mantemento das instalacións semafóricas

Luns, 25 de agosto de 2014

[25-08-2014] O Concello de Ames puxo en marcha hai dous anos o plan de mantemento das instalacións semafóricas do municipio. Con esta xestión, o obxectivo que se marcou o goberno municipal neste eido foi mellorar a seguridade viaria e garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías. Nos últimos 24 meses, leváronse a cabo arredor de 350 actuacións encamiñadas a solucionar posibles deficiencias e a mellorar as condicións destas instalacións. Nos primeiros sete meses de 2014 realizáronse un total de 65 actuacións para solucionar diferentes avarías na rede de semáforos.

Durante o que vai de 2014 realizáronse un total de 65 actuacións para solucionar diferentes avarías na rede de semáforos. Algunhas das actuacións executadas foron probas de funcionamento, inspección da programación e limpeza exterior dos armarios dos semáforos. Asemade, revisouse o estado de conservación dos semáforos, dos báculos, das columnas e dos soportes en xeral; comprobáronse os puntos de corrosión; e repasouse a pintura onde era necesario. Tamén se comprobou que as lámpadas non estivesen fundidas, floxas, ou que houbese anomalías na sinal, e cambiáronse aquelas lámpadas ou ópticas que estaban en mal estado.

Por outra banda, durante estes meses deuse solución a avarías que presentaban as instalacións semafóricas, repoñendo lámpadas, cóbados de suxeición e outras pezas. Ademais, revisouse a limpeza dos semáforos e o estado dos puntos de suxeición así como das partes eléctricas e electrónicas que os compoñen. Os traballadores encargáronse da revisión das ópticas de led e das lámpadas dos semáforos, así como da comprobación da tensión e do funcionamento dos pulsadores. Tamén se acometeu o engraxe de pezas e a revisión do estado da canalización e do cabreado.

Os operarios da empresa concesionaria deste servizo realizan periodicamente a revisión e mantemento de todos os semáforos do municipio e atallan as avarías detectadas e os avisos trasladados pola Policía Local de Ames. Entre os meses de xaneiro de xullo de 2014 realizáronse 39 actuacións en Bertamiráns e 26 no Milladoiro.

Mellora da seguridade viaria 
No marco destas tarefas de mantemento das instalacións semafóricas do municipio, tamén se inclúen o reaxuste de determinados semáforos ou a súa posta en funcionamento, sempre en coordinación coa Policía Local e co obxectivo de mellorar a seguridade viaria tanto de peóns como de condutores. Por exemplo, estableceuse a coordinación dos semáforos da Avenida da Maia na súa confluencia coa Avenida da Peregrina co obxectivo de favorecer e incrementar a seguridade dos peóns que circulan por estas rúas.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou coa empresa Telvent o contrato do servizo de mantemento das instalacións semafóricas do Concello de Ames en agosto de 2012. Con este paso, o Goberno de Ames cumpriu o seu compromiso de traballar para garantir o funcionamento en óptimas condicións da rede semafórica do municipio, que pola súa antigüidade presentaba múltiples problemas e avarías.

Ante a imposibilidade de acometer estas reparacións con medios propios municipais, o Concello decidiu sacar a licitación este servizo, co que quedaron cubertas as garantías de funcionamento da rede de semáforos. O obxectivo do goberno amiense é traballar en favor da seguridade viaria e garantir o correcto funcionamento da rede semafórica.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "El plan de mantenimiento semafórico aportó en dos años 350 mejoras en Ames"