Pestanas principais

O Concello de Ames realizará un plan de mellora, mantemento e conservación no rural amiense

Luns, 06 de febreiro de 2012

[06-02-2012] O grupo de goberno está traballando coa finalidade de avaliar as deficiencias que existen nas distintas parroquias do Concello de Ames. Para iso estase coñecendo de primeira man as necesidades de cada unha das parroquias amienses. A primeira visita que se realizou foi ao lugar de Lapido, na parroquia de Ortoño. Entre as accións que se van levar a cabo neste lugar, con maior urxencia, está a reposición de bolardos rotos, o arranxo e colocación de pedras soltas que hai no camiño que leva á capela de Lapido, a reposición de balizas que están rotas ou a limpeza de pintadas no lavadoiro. Trátase fundamentalmente de labores de mantemento. Pero o Concello tamén se porá en contacto coa empresa construtora que comezou unha obra no lugar de Lapido, para coñecer con exactitude o estado desta e avaliar se se pode continuar co asfaltado dun camiño, a reposición dunha fonte e o remate de varios muros.


O alcalde de Ames prevé visitar periodicamente distintas zonas do municipio para avaliar as súas necesidades e coñecelas por medio dos propios veciños "que son os que realmente coñecen a súa área e os mellores comunicadores dos problemas e peticións". Amor explica que son os veciños, "as persoas ás que nos debemos e cuxas necesidades debemos atender dende o goberno local".

Sen descoidar os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns, o goberno local estalle prestando especial atención ao mantemento e conservación das zonas rurais. As actuacións realízanse principalmente a través das concellerías de Vías, Obras, Parques e Xardíns e de Acción Parroquial e Rural.


O goberno municipal comezou a ter reunións con veciños e veciñas das distintas zonas do rural amiense para coñecer de primeira man as súas necesidades. Santiago Amor explica que "para este goberno é moi importante non descoidar as parroquias e atender as demandas dos veciños, así como coñecer de primeira man o estado da nosa contorna". "A nosa intención é realizar un plan de mellora, mantemento e conservación no rural amiense", explica o rexedor municipal.

En concreto, na parroquia de Ortoño, as deficiencias principais que se atoparon foron varios bolardos rotos e en mal estado, pedras soltas no camiño que se dirixe á capela do lugar de Lapido, balizas rotas e pintadas. Os veciños tamén lle expuxeron ao alcalde e ao concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns outros temas que eles consideraron de interese coma unha obra de acceso a vairas vivendas que está paralizada e sen rematar.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames realizará un plan de mellora, mantemento e conservación no rural"