[22-12-2012] O Concello de Ames ten previsto levar a cabo un estudo das zonas do municipio que son susceptibles de sufrir anegamentos debido ao incremento do caudal dos ríos durante episodios adversos de temporal. Ao remate dos episodios meteorolóxicos que afectan a Galicia nestas xornadas, o Goberno amiense estudará estes lugares para estudar os efectos dos temporais nas marxes fluviais de Ames.
Tras os temporais que afectaron á comunidade galega durante as últimas xornadas e que deixaron sentir os seus efectos en varios puntos do municipio, o Concello ten previsto visitar e estudar aqueles lugares no que o nivel dos ríos subiu de xeito considerable, chegando a anegar algúns puntos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “o obxectivo destas actuacións é comprobar de preto as consecuencias das persistentes choivas e realizar un estudo destas zonas coa intención de adoptar as melloras que sexan posibles”.
Os puntos que son máis susceptibles de sufrir inundacións no municipio de Ames son o paseo fluvial de Bertamiráns, o Rego dos Pasos, Ponte Maceira, a praia fluvial de Tapia e o parque do Ameneiral.




