Pestanas principais

O Concello de Ames realizará as comisións informativas e mailos plenos de xeito telemático durante o período de estado de alarma

Martes, 07 de abril de 2020

O Concello de Ames, a través da aplicación Councilbox subministrada por AVA Soluciones tecnológicas, poderá realizar o vindeiro luns, 13 de abril, as comisións informativas previas ao pleno do 16 de abril, unha sesión plenaria que corresponde co pleno ordinario do mes de marzo, que quedou pendente de celebrar debido ao estado de alarma no que nos atopamos como consecuencia da pandemia do Covid-19. Ademais, a través desta aplicación poderanse celebrar, se fose necesario, xuntas de goberno local, mesas xerais de negociación, etc.

O pasado venres, 3 de abril, celebrouse de xeito telemático unha xuntanza de voceiros dos grupos políticos municipais na que se acordou que durante o período que se manteña o estado de alarma se van a realizar as sesións das comisións informativas e dos plenos municipais a través dunha aplicación telemática.
 
O Concello de Ames retomou a normalidade, na medida do posible, a semana pasada con reunións de coordinación os luns, xuntanzas do goberno municipal os xoves, e xuntas de voceiros os venres para facer un seguimento da evolución da situación no municipio derivada da pandemia do Covid-19. Todas elas se están realizando de xeito telemático e súmanse ás xuntanzas realizadas con empresas para o desenvolvemento de diferentes traballos.
 
Do mesmo xeito, as mesas de contratación estanse a levar a cabo de forma telemática, a través da propia plataforma de contratación do Estado, e a semana pasada mantívose unha xuntanza por videoconferencia para a programación do Plan Impulsa Ames que se enmarca dentro da EDUSI.
 
Agora, retomaranse o vindeiro luns, 13 de abril, as sesións das comisións informativas. Isto é posible grazas á contratación do aplicativo que Councilbox posúe e que durante un mes, como mínimo, prestará servizo no Concello. Trátase dunha aplicación que permite facer de xeito telemático sesións de comisións informativas, plenos, xuntas de goberno, mesas xerais de negociación, etc.
 
A aplicación permite enviar unha convocatoria que chega ao correo electrónico con documentos adxuntos a cada un/unha dos/as participantes e que estes decidan se van a participar de xeito presencial, telemático ou non asistir. A aplicación tamén permite facer un seguimento das persoas ás que se lle enviou a convocatoria, para saber se abriron o correo electrónico enviado coa convocatoria, as que responderon e coñecer de antemán o quórum para a celebración das sesións.
 
Pleno previsto para o 16 de abril
Coa a posta en funcionamento desta aplicación poderase realizar o vindeiro xoves, 16 de abril, a sesión plenaria ordinario do mes de marzo, que non se puido realizar a finais do pasado mes ao estar declarado o estado de alarma. A aplicación tamén permite establecer o quórum necesario para aprobar os asuntos tratados en cada órgano municipal e elaborar unha orde dos día cos puntos a tratar.
 
Nesta aplicación, durante a realización da sesión tan só se ve á persoa que está falando en cada momento coa quenda de palabra, e non a todos os/as participantes. O presidente de cada órgano, neste caso o alcalde, será o encargado de darlle a palabra a cada participante. Tamén inclúe unha opción para solicitar a palabra para intervir e unha opción para votar de xeito telemático (a favor, en contra ou para absterse) e de forma certificada. Unha vez feita a votación a propia aplicación fai reconto de votos e confirma se o asunto foi aprobado ou rexeitado.
 
Cada sesión será gravada e permite facer un borrador de acta que tamén se pode converter a formato texto. O Concello está estudando a opción de emitir o pleno do 16 de abril vía streaming.
 
Contido das comisións informativas
Para o vindeiro luns, 13 de abril, ás 13.30 horas, convocouse a Comisión Informativa permanente de Benestar e Promoción Social na que se abordarán dous temas; a aprobación, se procede, de actas anteriores e maila posta a disposición da Xunta de Galicia da parcela para a construción dun novo colexio no Milladoiro.
 
Ese mesmo día, ás 14.00 horas, desenvolverase a Comisión Informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas na que se abordará a aprobación, se procede, de actas anteriores; a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento 2020. A exposición pública do orzamento municipal de 2020 suspendeuse debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban 2 días para finalizar dita exposición.
 
En dita Comisión tamén se tratará o informe da única alegación presentada ao orzamento 2020 ata a declaración do estado de alarma (o informe desestima a alegación presentada); e a contestación ao escrito da empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames na que solicita a compensación económica debido a paralización da súa actividade empresarial.
 
Para o goberno municipal, tratar de retomar, na medida do posible, a normalidade na administración é unha prioridade e nesa liña volver a realizar as sesións plenarias permitirá a participación e transparencia na toma de decisións importantes que poderían tomarse vía decreto de alcaldía. 
Imaxe do pleno celebrado o pasado 27 de febreiro de 2020