Pestanas principais

O Concello de Ames realízalle unha recepción ao Club de atletismo Millaraio

Mércores, 06 de setembro de 2017

[06-09-2017] Este pasado luns, 4 de setembro, o alcalde de Ames, José Miñones, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e da corporación municipal recibiron a un grupo de 16 rapaces e rapazas do club de atletismo Millaraio, así como ao presidente do club, dous directivos, unha adestradora e varios pais e nais que acompañaron aos seus fillos/as. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.


O rexedor municipal e os concelleiros/as do grupo de goberno e da corporación municipal, puideron coñecer de primeira man os éxitos acadados por este club amesán durante os últimos meses. Ademais, o presidente do Millaraio, José David García Arcos, asinou no libro de sinaturas do Concello de Ames. A recepción realizouse no salón de plenos, para de seguido, baixar á entrada da Casa do Concello onde fixeron unha foto de grupo.

Neste acto participou Claudia Costas, primeira medallista absoluta da historia do club. Esta rapaza, sendo cadete, conseguiu a medalla de bronce en salto de lonxitude no campionato galego absoluto. Foi un grande éxito tendo en conta que competiu con atletas de categoría superior. No apartado feminino tamén cómpre destacar a Zulfa Muíño, que conseguiu a primeira medalla nacional individual da historia do club no campionato de España infantil individual. Foi bronce na categoría de tríatlon feminina E de marcha, xavelina e 80 metros lisos.

Na categoría masculina, destacan os logros conseguidos por Torcuato Labella, que foi dobre medallista no campionato galego de lanzamentos de inverno (conseguiu a medalla de ouro en lanzamento de disco e bronce en lanzamento de xavelina) e por Daniel Mato que ao igual que o seu compañeiro tamén foi dobre medallista nos campionatos galegos de inverno e de verán, conseguindo a medalla de ouro en lanzamento de xavelina en cada un dos campionatos.

Por outra banda, en dita recepción participou unha representación dos equipos infantís masculino e feminino clasificados para o campionato de España por equipos. O equipo masculino quedou na décimo segunda posición, mentres que o equipo feminino foi décimo. Deste xeito, lograron a mellor clasificación da historia do club e foron os mellores de todos os clubs galegos que participaron en dito campionato. Tamén acudiu unha representación do equipo masculino cadete de combinadas, que logrou a medalla de bronce no campionato galego de probas combinadas por equipos absoluto.