Pestanas principais

O Concello de Ames realízalle un acto de homenaxe a Alfonso Rey

Xoves, 07 de abril de 2016

[07-04-2016] O grupo municipal de Pacto x Ames organizou para este sábado, 9 de abril, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro un acto de homenaxe a Alfonso Rey, exconcelleiro de Educación, Cultura e Patrimonio da corporación amesá. Este acto, no que colabora o Concello de Ames, coincide co primeiro aniversario do falecemento de Alfonso Rey. A través deste evento preténdese homenaxear a figura do profesor Rey e brindarlle un tributo por parte da súa familia, compañeiros/as de Pacto x Ames e outras persoas que coincidiron con el na corporación municipal.

O acto, que comezará cunha actuación do grupo Ascuas, estará conducido e presentado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López. Tamén se proxectará un vídeo no que se verán varias fotos recordando diversos momentos da súa vida. Alfonso Rey naceu no lugar de Mundín, pertencente á parroquia Vilaúxe do concello de Chantada. Pouco antes de cumprir os 12 anos ingresou no seminario menor de Lugo. Posteriormente, en 1971, iniciou os seus estudos na universidade. Ao rematar a carreira casouse e comezou a ter os primeiros contactos con Ames sendo profesor no Colexio Alca.

A música será unha parte importante deste acto no que intervirán varios grupos que tiveron unha especial relación con Alfonso Rey como é o anteriormente mencionado grupo Ascuas, o grupo de gaitas da asociación cultural Os Castros, o grupo As Maianas, e a coral polifónica de Bugallido. As actuacións musicais irán intercalándose con diferentes intervencións de concelleiros e concelleiras da corporación municipal amesá.

Ademais, Nazaret López, acompañada da música do piano do grupo Ascuas, será a encargada de ler o poema que máis lle gustaba a Alfonso Rey titulado “A historia dun soño”, e que foi elaborado polo propio Alfonso.

Antonio Sangiao, da asociación cultural Os Castros, destaca a figura de Alfonso Rey que “era unha gran persoa e grazas a el deuse a coñecer un pouco máis o grupo dos Castros”. Xosé Ramón Santomil, director da coral polifónica de Bugallido destaca que “durante o tempo que tivo responsabilidades de concelleiro de Cultura sempre tivo un trato moi cordial con nós”.

Por outra banda, Inés Suárez, do grupo As Maianas, recorda que Alfonso Rey “abriunos as portas do Concello para mellorar o local de ensaio que tiñamos e conseguir outras melloras. El era o noso primeiro seguidor e sempre nos apoiou en todo o que puido”. Por último, Tino Seoane, do grupo Ascuas resalta que “tiña grandes proxectos e ideas culturais, por iso entrou como concelleiro no Concello de Ames, para poder desenvolver esas ilusións que tiña”.

Quenda de intervencións
A quenda de intervencións abriraa o alcalde de Ames, José Miñones. A continuación falarán a concelleira de Economía e Facenda e primeira tenente de alcalde, Genma Otero, así como o concelleiro de Educación e Cultura e segundo tenente de alcalde, David Santomil.

Na segunda quenda de intervencións intervirán os voceiros do grupo municipal popular, Alberto Piñeiro, do grupo municipal de Ciudadanos, Javier López, e de Ames Novo, Pilar Candocia. O voceiro do grupo municipal de Pacto x Ames, Ramón Argibay, será o encargado de pechar a quenda de intervencións. O acto pecharase coa interpretación do himno galego por parte do grupo de gaitas da asociación cultural Os Castros.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"El Ayuntamiento va a homenajear mañana al exconcejal Alfonso Rey"
El Correo Gallego:"Emotiva homenaxe ó mestre e exconcelleiro Alfonso Rey"