Pestanas principais

O Concello de Ames realiza unha campaña informativa sobre a normativa de accesibilidade que lle afecta aos establecementos de uso público

Martes, 06 de xuño de 2017

[06-06-2017] As concellarías de Urbanismo e Promoción Económica acaban de publicar, de xeito conxunto, unha campaña informativa sobre a Lei de Accesibilidade co obxectivo de explicarlles aos propietarios e propietarias dos establecementos susceptibles de ser utilizados polo público en xeral, a incidencia que vai a ter o real decreto lexislativo 1/2013, aprobado pola Xunta de Galicia, que vela polos dereitos das persoas con discapacidade. Este real decreto establece unha moratoria que finaliza en decembro de 2017, polo que é importante coñecer o contido de dita normativa. Previamente, no pasado mes de marzo, xa se realizou unha xornada informativa na Casa do Concello.

Baixo o lema Co esforzo de todos e todas faremos un Ames máis accesible! o Concello de Ames está realizando unha campaña informativa sobre a normativa de accesibilidade que lle afecta aos establecementos susceptibles de ser utilizados polo público en xeral. A adaptación dun sistema á accesibilidade universal garántelles a todas as persoas, con independencia da súa idade ou capacidade física ou sensorial, a equidade no acceso a calquera lugar da contorna construída, e ao goce dos servizos ofertados coa maior autonomía posible no seu uso.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “temos que ser conscientes da necesidade da eliminación das barreiras arquitectónicas que tantas trabas lle poñen á autonomía persoal de persoas con diversidade funcional. A eliminación de todas as barreiras arquitectónicas é absolutamente fundamental para un sector da poboación pero facilítanos a vida ao resto de persoas en xeral”.

A devandita normativa aféctalle a todos os establecementos que estean destinados ou sexan susceptibles de ser utilizados polo público en xeral, ou a recibir persoas externas como os comercios, oficinas abertas ao público (xestorías, notarias, etc.), establecementos hostaleiros, consultas profesionais, perrucarías, academias, etc.

Para adaptar estes locais á normativa vixente hai que realizar unha análise das barreiras arquitectónicas existentes, definir as actuación necesarias para a súa eliminación, aplicando o criterio de axuste razoable, e no caso de que sexa preciso executar obras, cómpre presentar no Concello unha comunicación previa de obra menor. Para iso establécese unha bonificación do 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan a accesibilidade universal, sempre que estas sexan solicitadas antes do 4 de decembro de 2017.

Servizo de asesoramento municipal
O Concello de Ames habilitará un servizo de asesoramento técnico que visitará os locais. Ademais, as persoas que o desexen poderán asesorarse no departamento municipal de urbanismo. Para máis información poden enviar un correo electrónico ao enderezo urbanismo@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 981 883 002 e falar coa área de urbanismo.

Os locais deben cumprir unha serie de condicións para ser accesibles relativas aos espazos exteriores (as terrazas non deben invadir o itinerario peonil exterior accesible e os toldos, marquesiñas e outros elementos deberán respectar as alturas para evitar o risco de impacto); ao acceso dende o exterior (deberá existir, cando menos, unha entrada accesible, a nivel ou mediante ramplas ou plataformas mecánicas e as portas deberán deixar un paso libre de 0,80 metros coma mínimo); e ao itinerario accesible interior (os corredores deberán ter unha anchura mínima de 1,20 metros).

Asemade, aos propietarios/as de locais que teñan dúas ou máis plantas esixiráselles que as plantas altas sexan accesibles cando nestas se desenvolva unha actividade diferente a da planta baixa. Os locais con punto de atención accesible os mostradores, barras, etc deberán contar cun tramo de altura reducida que poida ser utilizado por unha persoa en cadeira de rodas. Haberá que dispor dun aseo accesible e nos establecementos hoteleiros de cinco ou máis cuartos, cando menos un dos cuartos e os espazos comúns deberán ser accesibles.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames terá un novo servizo para asesorar e eliminar barreiras arquitectónicas"