Pestanas principais

O Concello de Ames realiza esta fin de semana unha viaxe poética aos lugares emblemáticos do legado rosaliano

Luns, 18 de febreiro de 2019

[18-02-2019] O Concello de Ames organiza, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, unha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. A actividade, que se enmarca dentro da programación municipal polo Día de Rosalía, terá lugar o vindeiro sábado, 23 de febreiro. Para participar é preciso reservar praza antes do xoves 21 a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. As prazas confirmaranse con un correo electrónico de resposta. O prezo de excursión será de 1,5 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da visita, a saída en autobús está programada para as 10:00 horas no Milladoiro e as 10:15 horas en Bertamiráns. As localizacións que se visitarán pertencen á chamada Ruta Rosaliana.

Ames conmemora o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha ampla programación a través da que se pretende difundir a figura de poetisa. Así, entre as diversas actividades e actos organizase, un ano máis, unha excursión ás localizacións máis emblemáticas da vida e obra da autora baixo o título Viaxando con Rosalía.

A primeira das paradas desta visita será en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou os primeiros anos da súa vida. A saída continuará en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. A seguinte parada será xa no concello de Padrón, onde as persoas participantes realizarán unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, coñecida como a Casa da Matanza. Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, será a encargada de achegar información sobre a vida da homenaxeada e a súa obra.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves, 21 de febreiro. Para reservar praza é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 377 215. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión será de 1,5 euros, a tarifa da entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, o 23 de febreiro, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas no Milladoiro e ás 10:15 en Bertamiráns.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames pon en valor a Rosalía máis esquecida"