Pestanas principais

O Concello de Ames publica un bando para informar sobre o correcto uso dos drons

Xoves, 07 de xaneiro de 2016

[07-01-2016] O aumento do uso de drons entre a poboación civil, así como o número de licencias profesionais expedidas nos últimos anos, levaron ao Concello de Ames a publicar, o pasado 30 de decembro de 2015, un bando sobre a normativa vixente que regulariza o seu uso, ademais das posibles sancións por uso indebido existentes.

Todos os propietarios de drons, que os empreguen tanto de forma recreativa coma dentro do seu ámbito de traballo, deberán ter en conta que deben ser postos en marcha só en zonas despoboadas ou habilitadas especialmente para o seu uso. O dron debe voarse dentro do campo de visión da persoa que o controle, que debe evitar ademais que ascenda a unha altura superior aos 120 metros. Os danos que cause o dron son responsabilidade do seu dono.

Cando o dron é empregado dentro do ámbito de traballo e de forma profesional será o operador do mesmo o responsable da aeronave, da súa posta en funcionamento e do cumprimento da normativa durante o seu uso. Os operadores de drons deberán rexistrarse previamente na Axencia Estatal de Seguridade Aérea, contar cun seguro de responsabilidade civil e estar en posesión dun certificado médico en vigor.

Os drons nunca deberán ser empregados en zonas urbanas, áreas onde se atope un gran número de persoas- vodas, praias, concertos, manifestacións etc.- ou nunha situación na que se poida poñer en perigo a integridade de terceiras persoas.

No bando infórmase ademais de que o Concello poderá autorizar o uso de drons naqueles recintos pechados que sexan da súa propiedade. En calquera outro caso a regulación do emprego de drons é competencia da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

As sancións que pode carrexar o uso indebido dos drons, acorde coa lexislación vixente, varía segundo os responsables sexan persoas físicas ou xurídicas. As faltas leves cometidas por persoas físicas son sancionadas cunha multa que oscila entre os 60 e os 45.000 euros, as graves con sancións que van dende 45.001 a 90.000 euros e as moi graves con multas de entre 90.000 e 225.000 euros. Naquelas cometidas por persoas xurídicas a multa vai de 4.500 a 70.000 euros nas faltas leves, de 70.001 a 250.000 euros nas graves, e de 250.000 a 4,5 millóns de euros nas faltas moi graves.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"El alcalde informa con un bando de la normativa de uso de los drones"