Pestanas principais

O Concello de Ames publica un bando informando da ampliación do período de aplicación da regularización catastral que se estende ata o 30 de marzo de 2016

Mércores, 09 de decembro de 2015

[09-12-2015] O goberno de Ames amplía a información sobre o proceso de regularización catastral 2013-2016, que está levando a cabo o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, onde se amplía o prazo de aplicación da regularización catastral. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “non se trata dunha ampliación do prazo de alegacións, senón que o que se amplía é o prazo de aplicación do proceso de regularización que ía rematar o pasado 30 de novembro e agora durará ata o 30 de marzo de 2016”.

O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas publicou no Boletín Oficial do Estado do 26 de outubro de 2015 a Resolución do 22 de outubro de 2015, da Dirección Xeral do Catastro pola que se amplía o prazo de aplicación do procedemento de regularización catastral no Concello de Ames que se estende ata o 30 de marzo de 2016.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “non se trata dunha ampliación do prazo de alegacións, senón que o que se amplía é o prazo de aplicación do proceso de regularización que ía rematar o pasado 30 de novembro e agora durará ata o 30 de marzo de 2016. Polo que respecta ao prazo de alegacións, aínda non recibimos resposta por escrito á comunicación que o Concello de Ames enviou á Xerencia Rexional do Catastro de Galicia no que lle solicitaba a ampliación do prazo de alegacións a dous meses, que enviaran algún técnico do catastro para asistir aos veciños e que non se aplicase con carácter retroactivo”.

Genma Otero engade “recibín unha chamada do Xerente Rexional na que me comunicou que non era posible esta ampliación dos prazos pero que ían atender a todas as alegacións que entrasen durante este ano, informándome así mesmo de que non dispoñían de persoal para enviarnos e que terían que aplicar esta regularización con carácter retroactivo. Tamén estamos á espera de recibir contestación da Deputación Provincial da Coruña á que lle solicitamos o establecemento dun sistema especial de pago dos impostos para os recibos do IBI que se reciban consecuencia da regularización, para que se poida facer o seu pagamento de xeito fraccionado sen intereses, fianzas, nin avais durante un período máximo de 12 meses”.

O proceso de regularización catastral levado a cabo polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas comezou no Concello de Ames o 16 de decembro de 2014 e finalizaba o 30 de novembro de 2015. Desde o Ministerio argumentan que dada a complexidade do proceso de regularización catastral, o elevado volume de concellos a comprobar e a dispersión xeográfica, consideraron preciso ampliar os prazos para a aplicación deste proceso.

No caso de varios concellos incluídos na Xerencia Rexional do Catastro de Galicia-A Coruña, entre os que está o Concello de Ames, amplíase o prazo de aplicación do proceso de regularización ata o 30 de marzo de 2016.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"La regularización catastral, ampliada hasta marzo, aplicará cobro retroactivo"
El Correo Gallego:"La ampliación de plazo del ‘catastrazo’ hasta marzo de 2016 provoca indignación"