Pestanas principais

O Concello de Ames publica o segundo número do Xornal municipal gratuíto 94kmª

Xoves, 19 de xullo de 2018

[19-07-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, puxo en marcha o pasado ano unha nova iniciativa no eido da información municipal. O departamento municipal de prensa edita un xornal gratuíto de carácter semestral denominado 94kmª. Trátase do xornal oficial do Concello de Ames, no que se abordan os temas de maior actualidade política e as actividades municipais nos 94 quilómetros cadrados do termo municipal. O novo xornal municipal dá conta á veciñanza de Ames do traballo municipal como preludio ás xuntanzas nas parroquias e núcleos urbanos. En novembro de 2017 publicouse o primeiro número, e agora en maio de 2018, vén de saír o segundo número. Os últimos exemplares do segundo número rematáronse de repartir a finais do pasado mes de xuño. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o segundo número deste xornal.

No segundo número, publicado en maio de 2018, fíxose un resumo das actuacións do primeiro semestre deste ano. Conta con 12 páxinas nas que se dá conta da renovación de concelleiras/os na Corporación municipal, o incremento de poboación no concello de Ames, a ampliación das instalacións educativas, o acordo municipal a prol da humanización do Milladoiro, a segunda fase do plan de prevención de incendios forestais, o comezo dos traballos do Plan Impulsa Ames incluídos na Estratexia DUSI, a aprobación do Orzamento de 2018, o funcionamento da Renda Social, a renovación e ampliación das instalacións deportivas, o incremento das axudas ás entidades deportivas, os Orzamentos Participativos para a mocidade e do rural de 2018 e a posta en marcha da convocatoria de Radio Cidadá en Ames Radio, entre outros temas.

Este xornal repartiuse, en dúas quendas, dende finais de maio ata comezos de xullo, en locais hostaleiros, centros deportivos, gasolineiras, locais municipais, oficinas do Concello de Ames, centros socioculturais, locais parroquiais, etc. co fin de chegar a maior parte da veciñanza amesá. Asemade, tamén se pode descargar na web municipal nun banner que está na páxina de inicio, así como no apartado de Áreas – Comunicación.

Mellora e ampliación da comunicación
Un dos puntos recollido no Acordo de Investidura do actual alcalde José Miñones, asinado por Ames Novo, BNG, Contigo Pódese e PSDG-PSOE, referíase á necesidade de facilitar total información sobre o goberno municipal e a súa xestión, así como ao compromiso claro do funcionamento municipal dos medios de comunicación do Concello.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, destaca “agardamos que un maior coñecemento das políticas e as accións municipais contribúan a unha maior participación pública. Porque a democracia non só é poder votar, senón tamén participar da vida pública; e para poder participar, cómpre contar con información”.

A web e a radio municipais e os perfís de Facebook e Twitter do Concello, así como o Portal de Transparencia, ofrecen acotío informacións diarias de toda a actividade municipal. Pero nin toda a veciñanza de Ames pode acceder á Internet, nin todo o mundo pode escoitar a radio municipal. Respondendo, logo, a ese antedito compromiso, o Concello de Ames dótase dun novo medio, un xornal de factura netamente municipal, para poder ser lido por toda a veciñanza.

Trátase non tanto dun medio para trasladar información de última hora e actualizada, como para render contas sobre o que se está a facer. O primeiro número, publicado en novembro de 2017, resumiu a actividade dos dous primeiros anos de goberno (de 2015 a 2017). A través deste novo xornal preténdese ofrecer unha panorámica do traballo desenvolvido polo goberno municipal, para que as xuntanzas coa veciñanza sexan máis áxiles e eficaces, e para que haxa un maior coñecemento dos temas municipais, e así poidan suscitar curiosidade, preguntas e maior desexo de afondamento e control por parte da cidadanía.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "O Concello de Ames publica o segundo número do Xornal municipal gratuíto 94kmª"