Pestanas principais

O Concello de Ames prevé a construción no Milladoiro dun parque infantil e a conexión co polígono industrial por detrás do instituto

Venres, 24 de abril de 2015

[24-04-2015] O Concello de Ames abordou esta mañá nas comisións informativas previas ao pleno de abril dous proxectos técnicos de obras que se levarán a cabo no Milladoiro. En concreto, trátase da construción dun parque infantil na praza de Manuel Murguía, un espazo onde se colocarán columpios e mobiliario urbano sobre un pavimento de caucho valado.

O outro dos asuntos tratados foi a conexión co polígono industrial do Milladoiro. O proxecto técnico recolle a finalización dun tramo dende a Avenida do Muíño Vello ata á estrada de Ventín, dende a parte posterior do Instituto de Educación Secundaria.  

O orzamento estimado para ambas actuacións ascende aos 216.000 euros.

Escola infantil de Bertamiráns  

Ademais, o Concello de Ames tamén abordou a aprobación dunha addenda para prorrogar ata o vindeiro 31 de decembro o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que ten por obxecto a construción da nova escola infantil en Bertamiráns. O centro será o segundo da Rede A Galiña Azul de Ames e contará con 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos.