Pestanas principais

O Concello de Ames presta especial atención á mocidade no Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Venres, 25 de novembro de 2016

[25-11-2016] Este venres pola mañá o Concello de Ames conmemorou o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Este ano o goberno municipal centrou os actos deste día no alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro, que asistiron a unhas charlas impartidas pola educadora e investigadora da USC, Aixa Permuy. Ademais, recuperouse o “Paseo Carme Amado”, no IES de Ames, e inaugurouse o “Paseo da Igualdade” na entrada do IES do Milladoiro. En ambos centros educativos os rapaces e rapazas leron o manifesto institucional do Concello de Ames.


Quérome/quérote: decálogo para o bo trato
Por outra banda, nos dous centros educativos, levouse a cabo esta mañá o obradoiro Quérome/quérote: decálogo para o bo trato, como colofón ás VI Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero que organiza o Concello de Ames. Os obradoiros foron impartidos pola educadora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Aixa Permuy.

“Os últimos estudos indican que a violencia de xénero cada vez é máis común na adolescencia. Hoxe hai máis información e xa non vivimos unha sociedade tan patriarcal como a de antes polo que estas actitudes son aínda máis preocupantes”, declara Mónica Antelo, psicóloga do CIM de Ames, que esta mañá acompañaba a Aixa Permuy nos talleres que impartiu nos IES. “Aixa sempre traballa de xeito que sexan os propios rapaces e rapazas os que manifesten as súas ideas e condutas, para a partires de aí poder reflexionar e modificar esas condutas e esas actitudes”, indicou a psicóloga do CIM.

Tamén para a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, abrir o debate e a reflexión entre os adolescentes é fundamental. “Trátase de que os rapaces e as rapazas se fagan conscientes das actitudes machistas que hai ao seu redor e das que, desgraciadamente en algúns casos, son protagonistas ou mesmo as viven cunha perigosa normalidade”.

Actividades realizadas con anterioridade nos isntitutos
Ademais do acto institucional que por partida dobre se levou a cabo esta mañá nos institutos, os propios centros realizaron toda unha serie de actividades encamiñadas a facer consciente ao alumnado das actitudes machistas presentes na sociedade. Así, no vestíbulo do IES de Bertamiráns pódense ver estes días máis cincuenta siluetas negras que representan a todas as mulleres asasinadas en Galicia desde que existen datos sobre a violencia de xénero. En cada unha das siluetas hai un nome, unha idade e a localidade onde foron asasinadas. Tamén no mesmo espazo hai poemas e debuxos que falan non só de violencia de xénero, senón de forza e auto estima como armas para loitar contra ela.

Asemade, con anterioridade á data, as distintas titorías do centro abordaron o tema da violencia traballando e reflexionaron en torno á curtametraxe “El orden de las cosas”. Tamén o cine serviu parta a reflexión no IES do Milladoiro. Neste caso a curtametraxe que lles axudou foi “Convidados de pedra”. No IES do Milladoiro o chamado Plan Director ten en conta a formación en igualdade a través dun obradoiro que mantén activo durante todo o ano.

O Concello de Ames conmemorou o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres prestándolle especial atención ás xeracións máis novas, de xeito que os actos centrais do día celébranse nos institutos do municipio, ata onde se desprazaron o alcalde, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e representantes de todos os partidos políticos da corporación municipal.

No IES de Ames, en Bertamiráns, o alumnado de terceiro da ESO leu o manifesto institucional e un texto en lembranza de Carmen Amado, a primeira muller de Ames vítima da violencia de xénero. Asemade, o alumnado plantou dúas árbores como xeito de volver a poñer en valor o paseo que dentro do recinto do instituto leva o nome dela. No IES do Milladoiro tamén foi o alumnado o encargado de ler o manifesto. Fíxoo no paseo que vai da Casa da Cultura ao centro educativo e que desde hoxe leva o nome de Paseo da Igualdade.

Por outra banda, a campaña “Ames en Negro” á que este ano se adheriu o Concello de Ames fíxose máis visible esta mañá a través das camisetas que luciron as profesoras das escolas infantís do Bosque e da Madalena e os traballadores e traballadoras que exercen o seu labor nas distintas dependencias municipais.

“Somos conscientes de que nos últimos anos hai un incremento de actitudes machistas entre a poboación adolescente”. Estas palabras da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explican á perfección porque os actos institucionais do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres se realizan nos recintos dos dous institutos do concello. En ámbolos dous casos, foron os propios alumnos e alumnas os que leron o manifesto institucional que onte mesmo aprobaba en sesión plenaria a corporación municipal.