[18-07-2017] Fixar a saída e a chegada da liña Ortoño-Santiago no apeadeiro de Bertamiráns para facilitar a comunicación do núcleo urbano de Bertamiráns con outros puntos do concello polo que transcorre a liña, modificar o trazado da ruta para que pase pola urbanización Agro do Muiño onde existen 142 vivendas e se sitúa o colexio Agro do Muiño e incrementar o número de paradas da ruta para a recollida de viaxeiros con cinco novas paradas no Concello de Ames resumen as alegacións que o Concello de Ames presenta ao antreproxecto de explotación do transporte público. Ademais o Concello ve necesaria unha referencia específica ao cumprimento da Lei sobre accesibilidade que entrará en vigor en decembro do presente ano e que deben cumprir os vehículos que se utilizan para este tipo de transporte.
Diante do novo plan de transporte que regularizará a entrada de novas liñas do bus urbano en Ames, o Concello de Ames ven de presentar unha serie de alegacións ao anteproxecto de explotación do transporte público co obxectivo de optimizar o servizo e facilitar aos veciños e veciñas a súa utilización.
As alegacións céntrase na liña Ortoño-Santiago que até o momento encadrábase no mapa do Transporte Urbano e Santiago e que no novo plan pasará a formar parte do Mapa de Mobilidade do Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia. Esta liña de nova creación sae dun lugar do que na actualidade non existe parada de autobús, polo que o concello, na primeira das alegacións presentadas, propón o traslado da parada a Bertamiráns. “Dado que a escasos 250 metros se localiza o apeadeiro de Bertamiráns, proponse que a saída e a chegada sexa dese punto co cal facilitaría, ademais, a comunicación do núcleo urbano de Bertamiráns con outros puntos do concello de Ames e polos que discorre a citada liña”, declara o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García.
Parada na Urbanización Agro do Muiño
Por outra banda, proponse a modificación do trazado da ruta Ortoño-Santiago Estación de Atutobuses para que pase pola Urbanización Agro do Muíño. Segundo o escrito presentado polo Concello e tendo en conta que no “No “Anexo VIII. Mapas do Servizo” obsérvase como a ruta sube pola antiga estrada da Deputación que pasa pola Tarroeira e ata Ortoño”, proponse que esta liña percorra a DP-0205 ata a Urbanización Agro do Muíño”. “Nesta urbanización existen 142 vivendas nas que viven preto 500 veciños e veciñas, ademais se sitúa o Colexio de Educación Infantil e Primaria Agro de Muiño, cremos que estes feitos xustifican por si sós a viabilidade e a conveniencia de que a liña pase por este lugar”, manifesta o concelleiro. García engade que “ao chegar á rotonda existente na CP-0205, á altura do CEIP de Agro do Muíño, o bus subiría pola Avenida Juan Bueno Bueno ata Ortoño e de aí seguiría a ruta xa fixada que sube pola antiga estrada da Deputación que pasa pola Tarroeira e Ortoño”.
Cinco novas paradas en territorio amesá
O Concello propón asemade incrementar o número de paradas da ruta Ortoño-Santiago E.A. no concello de Ames. No plan, o número de paradas existentes para a recollida de viaxeiros no concello de Ames é de tan só 1, a de Ortoño, como parada de saída e chegada, “a pesares -matiza o concelleiro- de que a metade do recorrido se realiza polo termo municipal amesá, de xeito que das 9 paradas coas que conta a liña, 8 están no concello de Santiago de Compostela”. Nas alegacións, o Concello de Ames propón a creación de cinco novas paradas: Agro do Muiño, Ortoño, Guimaráns, Quistiláns e Fraíz/A Moniña.
Características obrigatorias dos vehículos para cumprir coa Lei de accesibilidade
Para rematar, o Concello de Ames, pide que se faga unha referencia específica ao cumprimento do requisito de accesibilidade que deben cumprir os vehículos que se utilizan para este tipo de transporte “Observamos que no “Anexo V, características dos vehículos” non hai referencias específicas ao cumprimento do requisito de accesibilidade, e non sabendo si esta vai incluída nalgún dos puntos referidos de categoría do vehículo re443/2001. Nos, tendo en conta os problemas que moitas veces xorden cando, por exemplo, unha persoa quere subir cunha cadeira de rodas ou un carriño de bebé, e as dificultades que as veces se lle poñen, consideramos absolutamente necesaria unha referencia específica ao cumprimento da Lei sobre accesibilidade que entrará en vigor en decembro do presente ano e que deben cumprir os vehículos a utilizar”, declara Blas García.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames reclama que el bus de Ortoño llegue a Bertamiráns y dé servicio por Agro do Muíño"
El Correo Gallego: "Ames pide aumentar as paradas na liña de Ortoño a Santiago"




