Pestanas principais

O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario de Ames, que cumpre vinte anos

Xoves, 09 de marzo de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a vixésima edición do Certame Literario de Ames, ao que os/as creadores/as poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o vindeiro 12 de abril. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XX Certame Literario de Ames.

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da XX edición do Certame Literario de Ames. Ao acto acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e persoal de dito departamento, Rosa Moreiras e Fátima Souto. O certame, que alcanza este ano dúas décadas de lonxevidade, é unha das iniciativas culturais máis consolidadas no Concello, e serviu como plataforma de despegue de numerosos escritores e escritoras. Un ano máis, o obxectivo volve ser a promoción da creación literaria en lingua galega, vista como un xeito de reforzar o proceso de normalización lingüística.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, explicou que “este é un certame xa consagrado, o que para nós é todo un orgullo. Ao longo da vida do concurso pasaron multitude de autores e autoras que lograron ter recoñecemento mesmo fóra das fronteiras do Concello de Ames, no ámbito autonómico e estatal”. Así mesmo, alentou á participación, sinalando que “esperamos recibir moitas obras, que chegan ata dende fóra do territorio español”.

Por outra banda, a concelleira resaltou a importancia de acadar a vixésima edición, facendo fincapé en que “no deseño do cartel deste ano intentouse facer unha homenaxe a eses vinte anos que se leva realizando o certame. Para iso, a cor empregada é o vermello, e fai referencia á alfombra vermella que precisaríamos nesta edición para festexar estas dúas décadas”. Para rematar, agradeceu o traballo e a implicación do persoal do departamento na organización do concurso.

A técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, destacou que “estamos falando dunha convocatoria que acolle, de media, 200 traballos todos os anos. Contamos sempre cun equipo de tres persoas que len e avalían todas as propostas”. Ademais, sinalou que “chegando á vixésima edición podemos dicir que están cumpridos os dous obxectivos centrais cos que naceu o certame: estabilizar no tempo esta convocatoria de fomento da creatividade e que o certame servise de estímulo para contribuír a termos novos escritores e escritoras en lingua galega cun espazo propio nos andeis das librarías”.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 e 17, e a terceira resérvase para persoas de 18 anos ou máis. Outorgaranse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ámbalas dúas modalidades, e editarase un libro colectivo con todos os textos premiados.

A decisión do xurado, conformado por tres persoas recoñecidas no ámbito literario, anunciarase publicamente o 5 de xuño, e os premios entregaranse o 9 de xuño, nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Bases do certame
O prazo para enviar os textos, inéditos e en galego, remata o mércores 12 de abril. Os/as participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos a dobre espazo e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. Cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en cada unha das modalidades.

É requisito que as obras se presenten baixo pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.

Os datos persoais irán incluídos nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.

O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Premios
Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os/as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.

Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario de Ames, que cumpre vinte anos"

Lindeiros: "Convócase o XX Certame Literario de Ames"

Presentación da XX edición do Certame Literario de Ames

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario de Ames, que cumpre vinte anos
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario de Ames, que cumpre vinte anos
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario de Ames, que cumpre vinte anos