Pestanas principais

O Concello de Ames presenta un estudo pioneiro na análise da poboación local e dos equipamentos educativos

Sábado, 04 de xuño de 2016

[04-06-2016] Este luns, 6 de xuño, ás 19:00 horas, o goberno municipal e membros da Universidade de Santiago de Compostela mostrarán as conclusións do informe elaborado sobre o mapa de necesidades educativas do Concello de Ames nun acto público que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A realización deste estudo é un compromiso que adquiriu o goberno coa comunidade educativa amesá. Ademais, o goberno municipal vén de manter unha xuntanza esta semana coas ANPAS, directores de centros escolares e grupos políticos municipais para dar conta das actuacións que vai levar a cabo a Consellería de Educación para ampliar as instalacións do IES Plurilingüe de Ames e do CEIP Agro do Muíño.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “os membros do instituto universitario de estudos e desenvolvemento de Galicia (IDEGA), da Universidade de Santiago de Compostela, foron os encargados de elaborar o mapa de necesidades educativas do Concello de Ames. Esta é a primeira actuación que se contempla dentro do Observatorio de Educación que creou o goberno municipal para dispor do devandito mapa e dunha ferramenta de participación da comunidade educativa. Trátase dun proxecto pioneiro, o primeiro en Galicia, por ser un sistema de información xeográfica (SIX) aplicado ao ámbito educativo”.

Cómpre lembrar que Ames dispón de dúas edicións anteriores do mapa de necesidades educativas elaboradas nos anos 2005 e 2008. O vindeiro luns, 6 de xuño, presentarase a terceira edición deste estudo. Neste caso, trátase dunha ferramenta para realizar un planeamento axeitado dos equipamentos educativos de Ames, a través dun sistema de información xeográfica (SIX). Os principais indicadores comparan o censo de poboación cos datos de matrícula nas escolas infantís, colexios e institutos do concello.

Para elaborar este informe analizáronse as áreas de influencia de cada centro escolar e as rutas do transporte escolar; realizáronse máis de 1.200 enquisas na comunidade educativa; e recolleuse nun mapa urbano a distribución da poboación en idade escolar por edificios, co máximo detalle. Neste estudo tamén figuran os datos de evolución demográfica das parroquias e da poboación das aldeas amesás.

A metodoloxía deste estudo poderá aplicarse noutros concellos de Galicia para avaliar as zonas de influencia dos centros escolares e planificar a construción de novos equipamentos. Dende o goberno municipal convídase a toda a comunidade educativa e ás persoas interesadas a participar neste acto público aberto, que se desenvolverá o día 6 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Reunión coas ANPAS municipais
Por outra banda, o goberno municipal mantivo esta semana unha xuntanza coas ANPAS municipais, directores de centros escolares e membros dos grupos políticos municipais con representación na corporación. Neste encontro tamén participou o xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Indalecio Cabana. Este reunión serviu para analizar os investimentos anunciados a semana pasada pola Xunta de Galicia para ampliar as instalacións do IES Plurilingüe de Ames e do CEIP Agro do Muíño.

Dende a Consellería de Educación informaron que se vai reforzar a liña da ESO do IES de Bertamiráns coa incorporación de seis novas aulas no instituto, tres delas para o vindeiro curso 2016-2017 e outras tres no curso 2017-2018. Ademais, neste mesmo centro escolar levaranse a cabo obras de mellora da infraestruturas, coa cubrición do patio de xogos e a construción dunha pista polideportiva. Estes traballos terían un orzamento aproximado de 700.000 euros. Asemade, no CEIP Agro do Muíño, a Consellería incorporará tres novas aulas nunha primeira fase neste curso, e seis máis nunha segunda fase, polo que se dotará ao centro dunha liña máis. Para esta primeira fase existe unha previsión de gasto de 400.000 euros.

David Santomil explica que con estas obras de ampliación “garántese a escolarización de todo o alumnado que está matriculado nestes dous centros de cara o curso escolar 2016-2017. Nas vindeiras semanas haberá que asinar o convenio de colaboración coa Consellería de Educación para poder executar estas actuacións reclamadas pola comunidade educativa amesá”. Por último, o goberno municipal comprometeuse a estudar as posibilidades urbanísticas e patrimoniais para a ampliación dos terreos dispoñibles.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames e a USC desvelarán mañá o resultado do estudo das necesidades educativas"
La Voz de Galicia:"Ames distribuirá sus recursos educativos con un estudio pionero"