[25-06-2015] Este xoves, 25 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a presentación da terceira edición do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015, que se celebrará os días 3 e 10 de xullo no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Neste festival actuarán Xoán Curiel e a banda Son+d2; Xosé Manuel Budiño; Paco Nogueiras e María do Ceo. Todas os concertos realizaranse nos xardíns do Pazo da Peregrina. Estas actuacións están subvencionadas pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Cultura, Luísa Feijóo, e tres dos artistas que actuarán neste festival.
Esta mañá presentouse unha nova edición deste festival de verán que pretende converterse nun referente dentro do panorama musical estival de Galicia. Esta iniciativa terá lugar os venres 3 e 10 de xullo nos xardíns do Pazo da Peregriana. Para poder desenvolver este festival o Concello de Ames conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Cultura, Luísa Feijóo, e tres dos artistas que actuarán neste festival: Xosé Manuel Budiño; Paco Nogueiras e Xoán Curiel, foron os encargados de facer a presentación da terceira edición deste festival. O rexedor municipal comezou dicindo que “o Pazo da Peregrina collerá durante a primeira quincena de xullo un festival de verán de grande calidade no que se darán cita artirtas de recoñecido prestixio”.
José Miñones destacou que a través deste evento musical preténdese “impulsar a cultura e a lingua galega, achegándolle á cidadanía amesá produtos culturais de calidade para todos os públicos. Ademais, vaise promover a participación de grupos emerxentes de distintos estilos de música en galego nun momento de enorme creatividade e calidade neste sector, sen esquecernos de artistas xa consolidados. Tamén se darán a coñecer outros estilos musicais, e outra forma de entender a música galaico-portuguesa, da man da artista María do Ceo”.
Por outra banda, Miñones, apuntou que “o noso obxectivo é encher ao Pazo da Peregrina de contido cultural con diefrentes actividade como exposicións ou festivais musicais co fin de dinamizar e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames”. Por último, o alcalde fai un chamamento “á participación da cidadanía amesá nas actividades deste festival, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo”.
Programa do festival de verán
O programa do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 comezará o vindeiro venres 3 de xullo, ás 20:30 horas coa actuación de Xoán Curiel e a banda Son+d2, que porán en escea o espectáculo Estamos no verán!!! Trátase dunha función moi completa con danza, música en directo e elementos de teatro, que se encadra no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Este é un espectáculo que se caracteriza por facilitar a participación activa e constante do público asistente e por contar cunha banda de sobrada experiencia en proxectos infantís e xuvenís (batería-percusión, guitarra, teclados, ukelele, baixo eléctrico, dous cantantes-narradores e unha bailarina en escena) que interpretará cancións moi divertidas e tamén entrañables. É unha viaxe musical dende que soa o derradeiro timbre do cole en xuño ata o primeiro de setembro.
A actuación principal do primeiro día do festival será o concerto de Xosé Manuel Budiño, que comezará ás 22:30 horas, e no que presentará o seu último traballo: Sotaque, que foi gravado no seu estudio “Ardora” e mesturado e masterizado nos estudios “Atlântico Blue Studios de Lisboa”. Este traballo de composición propia reflexa a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co acento característico de Budiño, co seu Sostaque. Trátase dun álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen a labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por Budiño máis unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.
O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 continuará a seguinte semana, o venres 10 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, que representará o espectáculo Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras porá en encena unha función de música infantil cos ritmos máis diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto da gran fadista portuguesa María do Ceo, que actualmente xa está considerada como a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. Esta artista interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunha composición feita especificamente para ela. Destacan interpretacións como a da canción María la portuguesa, coñecido tema de Carlos Cano, cantado nunha versión en portugués que emocionou ao escoitala á propia viúva do falecido cantante andaluz. Os excepcionais músicos que a acompañan nos seus concertos, dan forma a un espectáculo de gran calidade musical que destaca polos seus matices, sensibilidade, e a sempre doce voz de María do Ceo, onde entenderemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Budiño, Curiel, María do Ceo y Nogueiras, en los Encontros Culturais de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "María do Ceo, Budiño e Curiel para os III Encontros Culturais de Ames"




