Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a súa estratexia de promoción da saúde e de estilos de vida saudables

Xoves, 30 de xuño de 2016

[30-06-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, presentaron a estratexia que vai a desenvolver o Concello de Ames para a promoción da saúde e de estilos de vida saudables. O obxectivo principal desta estratexia é fomentar a saúde e o benestar de toda a veciñanza. Para iso vaise a crear unha mesa intersectorial, un mapa de recursos e un cronograma de actuacións. Trátase dunha actuación transversal que implica distintos departamentos municipais. Deste xeito, nesta presentación tamén interviron a nutricionista municipal, o técnico de deportes e mailo coordinador de actividades para persoas maiores e persoas con algún tipo de diversidade funcional.

O alcalde de Ames, José Miñones, iniciou a presentación explicando que “xa levamos traballando nesta Estratexia dende hai varios meses de xeito coordinado entre varios departamentos. Ames é un dos concellos máis xoves de Galicia e con mellor saldo vexetativo. O 19% da poboación amesá ten entre 0-15 anos. Debido a todo iso temos que darlle cobertura as necesidades da xente moza, pero tamén centrarnos na poboación maior, xa que os maiores de 50 anos representan o 27% da poboación amesá. A través desta Estratexia pretendemos fomentar a saúde e o benestar de toda a veciñanza”.

Co obxectivo de conseguir gañar anos de vida en boa saúde e libre de discapacidade, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, xunto coas CCAA elaboraron a “Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde”, aprobada no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o 18 de decembro de 2013. Esta Estratexia é unha oportunidade de integrar e coordinar os esforzos de promoción da saúde e prevención entre tódolos niveis, sectores e actores implicados. Propón o desenvolvemento progresivo de intervencións dirixidas a previr as enfermidades, lesións e a discapacidade, e caracterízase pola súa abordaxe integral e polo entorno, o seu enfoque positivo e poboacional, ademais de manter una perspectiva de curso vital.

O pasado 24 de novembro de 2015 o Concello de Ames adheriuse formalmente á Rede de Cidades Saudables e hai pouco máis dun mes, no pleno ordinario de maio, a corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión á “Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde”. Esta iniciativa propón o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, dirixidas a promocionar a saúde, previr enfermidades... actuando de xeito integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcohol e o benestar emocional, tendo en conta o entorno no que vive a poboación e cunha vocación de universalidade nas intervencións.

Os primeiros pasos foron tramitar a adhesión á devandita Estratexia e maila designación dun/dunha dinamizador/a do proxecto. Ademais, de xeito paralelo, estase avanzando na constitución dunha mesa intersectorial no concello, como instrumento de colaboración entre os diferentes sectores, que comezará a funcionar no vindeiro mes de setembro, e a elaboración dun cronograma de actividades para favorecer a posta en marcha deste plan.

Obxectivo principal desta Estratexia
O obxectivo principal desta Estratexia é fomentar a saúde e o benestar de todos os nosos veciños e veciñas. Promover estilos de vida saudable, así como entornos e condutas seguras na poboación infantil mediante a coordinación de intervencións integrais dende os diferentes ámbitos: sanitario, educativo, etc. Tamén se aposta por promover estilos de vida saudables durante o embarazo e lactancia, promover o benestar emocional na poboación infantil, o envellecemento activo e saudable na poboación maior de 50 anos e previr o deterioro funcional e promover a saúde e o benestar emocional na poboación maior de 70 anos.

Desenrólase nun eixe con tres dimensións de acción como son os factores priorizados (o consumo de tabaco, a inactividade física, a alimentación, o consumo abusivo de alcohol e o estrés poden producir ou agravar enfermidades, polo que é moi importante promover estilos de vida saudables); tendo en conta a poboación (esta estratexia dálle prioridade á atención da infancia e as mulleres en estado de xestación, xa que un 19% da poboación de Ames ten entre 0-15 anos, e as persoas adultas, especialmente aos maiores de 50 anos, que representan o 27% da poboación); e os entornos existentes (é moi importante actuar de forma integral, actuando nas diferentes contornas vitais de cada poboación. Nas consultas de atención primaria débese achegar información e recursos que se poden usar dentro do concello, por iso hai que dispor dun mapa de recursos para a saúde da zona).

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica “sabemos que promover estilos de vida saudable é unha tarefa complexa. No tocante a saúde e o benestar hai factores que non se poden modificar como son a idade, sexo e factores xenéticos, pero hai outros sobre os que si é posible actuar. Hai factores como son os determinantes sociais e o entorno comunitario que inflúen nos nosos estilos de vida. Nestes factores si que podemos influír e modificalos con estratexias públicas efectivas, para que todos os veciños e veciñas poidan desenrolar o seu máximo potencial de saúde, independentemente da súa situación social. Polo tanto, os concellos, que somos as administracións máis próximas á cidadanía, debemos traballar para crear unha contorna máis saudable”.

Ademais,dende o goberno consideran que é moi importante mellorar a accesibilidade a estes recursos levando a cabo accións que diminúan as desigualdades en saúde e por iso nesta Estratexia quérese ter en conta as diferentes necesidades da cidadanía polo que é necesario a participación social.

Actuación transversal
Trátase dunha actuación transversal que implica distintos departamentos municipais. Para iso é necesario ter un enfoque poboacional que vaia más alá das intervencións na área da saúde e facer actuacións transversais dende todos os departamentos municipais (deportes, educación, nutrición, urbanismo, servizos sociais, turismo...). O proxecto Ames Saudable engloba tres áreas de actuación: promoción da actividade física; promoción dunha alimentación saudable; e promoción dunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas.

Dende o departamento municipal de nutrición vaise promóvese unha alimentación saudable (comedores, obradoiros destinados a diferentes grupo de idade, atención a cidadanía, radio...). Esta Estratexia dálle prioridade ás actuacións de promoción da saúde no ámbito infantil. Nas escolas infantís, servizos complementarios e na rede municipal de comedores escolares (alumnado de 0 a 12 anos) faise un pormenorizado seguimento alimentario que implica uns criterios de calidade e de saúde moi concretos como son a utilización de produtos frescos de tempada ou a compra de alimentos a produtores de proximidade, que xeran hábitos de boa saúde entre o alumnado.

Ademais, a técnico en nutrición atende un punto de asesoramento nutricional, que está dirixido á poboación en xeral e a colectivos específicos como poden ser colexios, organizacións municipais, etc. Esta técnico tamén colabora coa radio municipal, Ames Radio, nun espazo de asesoramento nutricional, que se ofrece cunha periodicidade semanal, e realiza intervencións con colectivos específicos (nenos/as, alimentación deportiva, prevención da obesidade, etc.). Asemade, estase comezando a colaborar cos centros de saúde nesta materia. Deste xeito, participou nun encontro sobre o fomento de hábitos saudables e prevención de desordes alimentarios dirixido aos mozos e mozas.

Por outra banda, o departamento municipal de deportes leva a cabo diferentes actividades co fin de promover estilos de vida saudables na poboación infantil e outras franxas de idades. Dende este departamento trabállase en dúas vías de actuación. Por unha banda, impártense unha serie de actividades fixas, que están dirixidas a poboación de 16 a 60 anos, como son aerobic, pilates, spinning, abdominais e glúteos, e ximnasia de mantemento. Durante o curso 2015-2016 nestas actividades participaron un total de 670 persoas, cunha porcentaxe de prazas ocupadas do 85%, xa que se ofrecen un total de 800 prazas.

Por outra banda, impártense as actividades que se enmarcan dentro das escolas deportivas (ballet, baloncesto, fútbol sala masculino e feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol e ximnasia rítmica), na que participan rapaces e rapazas de 3 a 15 anos, a través das cales se busca a iniciación no deporte. O pasado curso nas escolas deportivas participaron 850 usuarios/as, polo se completaron o 88% das prazas ofertadas (ofrecéronse 970 prazas).

Asemade, dende a área de deportes ao longo do ano realízanse varias actividades de competición popular/promoción deportiva (día da Bici, clausura das escolas deportivas, carreira pedestre, Millaurbana/carreira da familia, etc.) nas que participaron arredor de 2.000 persoas. Tamén se organizan diferentes eventos deportivos (Ames Cup, encontro de patinaxe, marcha BTT, descenso do Tambre, Gala do deporte, etc.) que tiveron unha participación de máis de 3.000 perdoas.

Por último, dende a área de servizos sociais impártense varios programas co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e saudable. Un destes programas é Amessán, cuxo obxectivo fundamental é o de levar a cabo unha serie de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores de 60 anos e/ou que teñan algunha discapacidade. Tamén se imparte o programa Sanauga, no que basicamente se realiza ximnasia acuática, que consiste en realizar os exercicios na auga que comunmente se fan en terra, aproveitando a modificación e os beneficios que a auga impón á súa realización. Nestes dous programas participan preto de 600 persoas.

Ademais, ofrécense outros servizos como o de transporte adaptado para que as persoas con dificultade de mobilidade poidan acudir a estas actividades. Ames é dos poucos concellos galegos, por non dicir o único, que segue ofrecendo este servizo. Dentro das actividades de voluntariado impártese a Escola Integral de Maiores ou o obradoiro Achégate ao inglés para maiores, entre outros cursos e obradoiros.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Plan global en el municipio a favor de una vida más sana"
La Voz de Galicia:"El Concello amiense crea una mesa intersectorial"