Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a primeira Gala da diversidade, amadriñada pola fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos, que se celebrará o venres 2 de decembro en Bertamiráns

Martes, 22 de novembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, organiza a primeira Gala da diversidade, que se celebrará o vindeiro venres 2 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas, e que contará con dúas madriñas de excepción, a Fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos. A gala, que terá lugar con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional 2022, conmemorado o día 3 de decembro, estará protagonizada polos rapaces e rapazas que integran a asociación para persoas con diversidade funcional Arcea Adames, situada no Milladoiro. Ademais, haberá dous espectáculos de danza clásica e moderna, da man de Ricardo Pardo e da compañía teatral Al Lío.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, presentou esta mañá o programa da gala, acompañada polo cofundador da cooperativa musical e teatral CulturaActiva, Fran Rei, e por Rubén Ramos e Soraya Añón, persoal do departamento de Benestar Social. O obxectivo do evento é visibilizar ao colectivo das persoas con diversidade funcional, ademais de favorecer a inclusión artística dos integrantes da asociación.

O evento celebrarase o día 2 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas, e será conducido por Martín Barreiro e Mari Carmen Redondo, de Arcea Adames. A inauguración correrá a cargo da compañía Al Lío, que representará un espectáculo de danza clásica. Posteriormente, os integrantes de Arcea Adames estrearán a súa propia función teatral, “Historias”, que conta con poemas de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro e Federico García Lorca, ademais de textos das persoas da asociación e unha performance guiada por Martha Franco.

Para pechar a gala, Ricardo Pardo, da Asociación Potenciemos, pioneira na inclusión sociocultural das persoas con diversidade funcional, presentará o espectáculo de danza moderna “Radiant Killer Riddle”. Ao remate haberá tamén música e petiscos de balde para todas as persoas que se acheguen.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que “nos últimos anos celebramos o Día mundial das persoas con (dis)capacidade cun almorzo co persoal da asociación Arcea Adames. Este ano vamos a dar un paso máis coa organización da primeira edición da Gala da diversidade. O obxectivo é darlle máis visibilidade ao colectivo de persoas que teñen capacidades diferentes. A través desta iniciativa tratamos de potenciar as artes escénicas inclusivas. É unha pena que non se lle dea máis visibilidade e apoio aos colectivos que fan teatro e outras artes escénicas inclusivas porque os seus espectáculos están cargados de sentimentos”.

A concelleira destacou que “este ano programamos tres espectáculos de artes escénicas. O punto forte da Gala vai a ser a estrea do espectáculo que vai representar o persoal de Arcea Adames que interpretarán Historias. Este proxecto comezou hai dous meses aproximadamente. Propuxémoslles que participaran nun obradoiro de teatro no que cada persoa puidese desenvolver as súas capacidades: dentro de Arcea Adames temos persoas cunha gran memoria, outras que lles gusta recitar, outros que escriben moi ben, en definitiva, persoas aos que lle gusta demostrar as súas habilidades. Deste xeito, propuxémoslle a Fran Rei que impartise dito obradoiro, pero o que non sabíamos era que dita actividade ía provocar a estrea dun espectáculo como é Historias”.

Luísa Feijóo dixo que “o persoal de Arcea Adames está moi ilusionado coa estrea deste espectáculo. Creo que vai ser unha gran experiencia para elas e seguro que moi enriquecedora para todas nós. Vai a poñer en valor o traballo feito a través deste obradoiro de teatro e que toda a veciñanza que se achegue a Casa da Cultura de Bertamiráns poida apreciar as súas habilidades”.

Pola súa banda, Fran Rei, encargado de dirixir a función dos integrantes de Arcea Adames, explicou que “levamos pouco máis dun mes traballando. Dende o principio tivemos moi claro o concepto da gala, e estamos traballando arreo para que o que queremos transmitir quede claro, que chegue á xente”. Así mesmo, adiantou que “o que buscamos é que os rapaces e rapazas, unha vez escoitadas e lidas as poesías, nos conten que transmiten. Vai ser unha intervención breve, e un contrapunto interesante para o conxunto da gala”.

Rei tamén destacou que “temos a sorte de contar con dúas actividades artísticas de colectivos moi potentes. Ricardo pertence á Asociación Potenciemos, da Coruña. Al Lío veñen da Fundación IgualArte. Estar apadriñados, neste caso, por dúas fundacións e asociacións tan importantes en canto ao teatro inclusivo e a cultura inclusiva, creo que tamén é importante para darlle máis valor á gala e á nosa estrea”. “Invitamos a todos os veciños e veciñas de Ames a achegarse a ver este espectáculo de calidade”, concluíu.

O Concello poñerá a disposición dos asistentes un servizo de autobús a demanda dende O Milladoiro, que sairá ás 17:15 da Casa dos Maiores e ás 17:30 da Casa da Cultura. Para reservar praza ou para pedir máis información pódese chamar ao número de teléfono 683 327 378.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Unha gala vai visibilizar aos veciños con discapacidade"

El Correo Gallego: "El arte de los actores de Arcea Adames, plato fuerte para la Gala da Diversidade"

O evento celebrarase o día 2 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a primeira Gala da diversidade, amadriñada pola fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos, que se celebrará o venres 2 de decembro en Bertamiráns
  • O Concello de Ames presenta a primeira Gala da diversidade, amadriñada pola fundación IgualArte e a Asociación Potenciemos, que se celebrará o venres 2 de decembro en Bertamiráns