Pestanas principais

O Concello de Ames presenta as Prebadaladas de fin de ano 2023

Mércores, 27 de decembro de 2023

O Concello de Ames presentou esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns a terceira edición das Prebadaladas de fin de ano, enmarcadas dentro da programación de Nadal. Organizadas a través da da Concellería de Promoción Económica, terán lugar o 31 de decembro na Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 11:00 horas. Durante acto, no que participarán as gañadoras da última edición do concurso Canta con Ames, repartiranse bolsas con cotillón ás 11:00 horas e para os máis pequenos haberá lambetadas sen glute. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación das Prebadaladas 2023. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto; os concelleiros do goberno municipal Gustavo Nieto e Víctor Fernández; a presentadora Loly Gómez; a gañadora do Canta con Ames 2023 na categoría infantil, Antía Holovat; o representante de Biosbardos, Jorge López;  a representante de Retumban Risas, Sandra Conde; os representantes de Mirabelle Comunicación, Rocío González e Miguel Martínez; e a representante de Cunde Servizos de Produción, Cecilia Carballido.

Esta nova edición das Prebadaladas celebrarase domingo 31 de decembro. Esta iniciativa, que se puxo en marcha por primeira vez no 2019 e que se retomou o ano pasado, está dirixida a todos os públicos e busca dar a benvida ao novo ano de maneira anticipada nun ambiente festivo e familiar.

Durante a presentación, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, afirmou que desde o Concello están moi contentos porque “cada ano ven máis xente ás Prebadaladas”. Tamén sinalou que o obxectivo desta iniciativa é “dinamizar o comercio e a hostalería locais, pero tamén que a xente maior que está soa e os nenos, que se durmen antes das badaladas, celebren este día”. Así mesmo, agradeceu a colaboración das empresas implicadas na organización do evento, que require dun esforzo extraordinario pola súa parte por celebrarse durante a fin de semana.  As empresas colaboradoras son Mirabelle Comunicación, Cunde Servizos de Produción, Froq Loxística Audiovisual, o parque infantil Biosbardos e o centro de ocio infantil Retumban Risas; todas elas afincadas en Ames.  

Nesta mesma liña falou o alcalde, Blas García, que expresou o seu desexo de que este ano volva a haber gran afluencia de veciños, como xa acontecera nas dúas anteriores edicións, “para facer xuntos o desexo de que o 2024 sexa mellor para todos”. Tamén destacou as numerosas actuacións que vai haber durante as Prebadaladas, todas elas a cargo de veciños e veciñas de Ames.

Pola súa banda, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, anunciou que o alumnado do curso de lingua de signos interpretará unha panxoliña xunto co seu profesor. Este curso, que se impartiu na Casa da Cultura do Milladoiro desde o 5 de outubro, rematou o pasado 20 de decembro cun acto de entrega de diplomas aos 20 mozos e mozas que recibiron a formación.

Prebadaladas 2023
O evento comezará ás 11:00 horas coa entrega de bolsas. Para recollelas será necesario acceder á praza a través da rúa Alcalde Lorenzo. A praza estará cuberta por unha carpa por se chove durante a celebración. O acto será conducido pola presentadora Loly Gómez, e nel actuarán as gañadoras da última edición do concurso Canta con Ames Antía Holovat (categoría infantil), Antía Boo (categoría xuvenil) e María Camaño (categoría sénior), así como as gañadoras de edicións pasadas deste mesmo concurso Carmen Cuevas, Adriana Vigo, Lara López e a xurado Inés Suárez. As prebadaladas serán ás 12:00 horas.

Os primeiros 500 adultos en acceder á praza do Concello recibirán unha bolsa con produtos dos comercios locais, entre os que se inclúen cotillón, chicharróns, arandos e unha botella de Estrella Galicia para brindar polo novo ano. Pola súa banda, os primeiros 500 nenos e nenas tamén contarán con bolsa propia, dentro da que haberá  cotillón, uvas de lambetada sen glute e un vaso para brindar con Champín. Para a elaboración das bolsas o Concello contou coa colaboración da froitaría Tomate más Fruta, por terceiro ano consecutivo, que obsequia os arandos; Estrella Galicia, que colabora coas mini botellas de cervexa; e coa cafetería Casa da Cultura, que colabora coas pegatinas.  

Ademais, haberá postos de algodón de azucre e de flocos de millo.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames une música, cotillón y brindis para dar la bienvenida doce horas antes al 2024"

Lindeiros: "Ames anticipa o fin do 2023"

Presentación das Prebadaladas 2023

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta as Prebadaladas de fin de ano 2024
  • O Concello de Ames presenta as Prebadaladas de fin de ano 2024