[02-04-2016] O Concello de Ames vén de dar a coñecer o nomes dos tres membros que formarán o xurado do XIII Certame Literario de Ames. Manuel Núñez Singala, María López Sández e Armando Requeixo Cuba serán as persoas encargadas de xulgar os traballos, en prosa e verso, que participen no certame. O prazo para enviar as obras remata o luns, 4 de abril.
Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963) dirixe actualmente o Departamento de Normalización Lingüística da USC. No súa ficha de autor da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega declara que "a miña inclinación pola escrita quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato". Autor de varias obras de ensaio, narrativa e teatro as últimas en ver a luz foron a novela Camiños na auga (2016) e Instrucións para tomar café (2014).
María López Sández (Lugo, 1973) é Doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Actualmente imparte clases nun centro de ensino medio e traballa como profesora asociada de Didáctica Didáctica da Lingua e a Literatura na Facultade de Ciencias de Educación da USC. No 2012 resultou gañadora da VI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol coa novela A forma das nubes, publicada por Galaxia no mes de novembro do ano 2012. En 2015 publicou O faro escuro, tamén na Editorial Galaxia
Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario. As súas análises e comentarios literarios pódense ler no seu blog armandorequeixo.blogaliza.org.
Doutor en filoloxía galega, ensaísta e tradutor, entre as súas obras destaca a escolma bilingüe galego-castelá Antoloxía de narrativa galega (2009), a antoloxía de conto galego actual Materia prima. Relatos contemporáneos (2002), e numerosos libros de introdución a diversos autores galegos como Luís Seoane ou Xosé María Díaz Castro.
Os tres, veciños do Concello de Ames, serán os encargados de escoller as mellores obras, tanto de narrativa como en verso, de cada unha das categorías do XIII Certame Literario do concello de Ames. A decisión do xurado comunicarase publicamente o 9 de maio de 2016. Os premios serán entregados o día 13 de maio.
Lémbrase ás persoas interesadas en enviar as súas obras que a data límite para facelo é o 4 de abril. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades. Enviaranse catro copias, ademais da documentación que se pode consultar premendo nesta ligazón: http://concellodeames.gal/nova.php?noticia=13790&idioma=gl&sec=32.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Armando Requeixo, María López e Manuel Núñez, xurado do certame literario"




