[05-03-2014] O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta tarde o acto de presentación do primeiro Centro de Información á Muller (CIM) co que conta o Concello de Ames. Neste acto tamén se presentou o logotipo do CIM de Ames e o programa de actividades que organizou o goberno municipal para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se desenvolverán os días 7 e 8 de marzo. Nesta presentación participou o alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado pola secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; pola concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e pola directora do CIM de Ames, María Teresa Arufe.
Palabras para a igualdade
Outra das cuestións que se abordou na rolda de prensa foi a presentación do logo do CIM de Ames e a presentación do programa de actos que se desenvolverán con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. O Concello de Ames ten preparada unha programación específica para celebrar o Día Internacional da Muller, que se desenvolverá os días 7 e 8 de marzo. Estas actividades xiran en torno a unha instalación urbana concibida para poder ser construída, paso a paso, por todas as persoas do concello interesadas en participar na mesma.
A instalación, que se denominará 'Palabras para a igualdade', constará de varios cubos e un panel. No panel aparece a palabra Ames que está formada por diferentes nomes de mulleres e homes. Esta instalación estará situada na praza do Concello, unha zona pola que transita diariamente unha gran cantidade de veciños e veciñas de Ames. Deste xeito, a cidadanía amiense poderá expresar nesta instalación, con palabras ou debuxos, como sente a igualdade.
A instalación de cubos e o panel estarán colocados na praza do Concello o venres, 7 de marzo, pola mañá co obxectivo de que a corporación municipal e os traballadores municipais, así como os veciños e veciñas que o desexen, poidan participar nesta iniciativa. Ademais, estará colocado neste mesmo lugar o sábado 8 de marzo pola tarde, aproveitando o desenvolvemento do mercado de rúa de Bertamiráns. Xunto a esta instalación estará unha azafata-dinamizadora para animar a todo o público a participar.
O obxectivo desta iniciativa é que a cidadanía viva como propia a celebración e sinta en primeira persoa o seu protagonismo na construción en Ames dunha obra creativa común pola igualdade, que en definitiva quere simbolizar a corresponsabilidade de todas as persoas na construción dunha sociedade máis igualitaria. A acción está concibida cun criterio de alto contido visual, de xeito que poida ser obxecto de interese gráfico.
Os cubos serán apilables e manexables, co obxectivo de poder formar con eles unha construción final con carácter permanente e servir no futuro como elemento decorativo para actos -xornadas, seminarios, xuntanzas- ou instalacións municipais, por exemplo para colocar no novo CIM de Ames.
Perfil das usuarias con problemática de violencia de xénero
En canto ao perfil das usuarias con problemática relacionada coa violencia de xénero hai que ter en conta que o maior número de mulleres atópanse no tramo comprendido entre os 31 e os 40 anos, seguido moi de preto polas mulleres en idade comprendida entre os 41 e os 50 anos. Atendendo ao país de procedencia, as mulleres de nacionalidade española representa un 48%, seguidas das mulleres de nacionalidade colombiana e venezolana que representan o 23%, o resto da porcentaxe represéntana unha minoría doutras nacionalidades. Isto pon de manifesto que a pesar de que existe un incremento da inmigración, dato que é máis salientable na UTS de Milladoiro, a meirande parte das usuarias son españolas.
Por outra banda, a meirande parte das usuarias están separadas, seguidamente atópanse as solteiras e as divorciadas e casadas/unión consensuada. Respecto ao número de fillos/as, a media de fillos/as de todas as usuarias está en 1,5. De seguido, están as usuarias que teñen 2 fillos/as, e en menor porcentaxe, existen familias que teñen 3 ou máis fillos/as. Cómpre sinalar que na maior parte dos casos trátase de menores que se atopan a cargo da nai. Atendendo ao nivel de estudos, a meirande parte das usuarias ten cursados estudos primarios (69,0%), o resto de porcentaxes son moi similares. Neste caso concreto soamente 7,1% das usuarias teñen estudos superiores.
Respecto á ocupación destas persoas, a maior parte das usuarias están en situación de desemprego realizando traballos esporádicos en precario. En menor medida atópanse as mulleres en activo cun contrato laboral. A porcentaxe restante atópase en situación laboral descoñecida ou son pensionistas. En canto ao réxime de tenza da vivenda ocupada polas usuarias apréciase que a meirande parte das usuarias viven en situación de aluguer, sendo a porcentaxe máis baixa a que se corresponde coas usuarias que teñen a súa vivenda en propiedade.
Para rematar, cabe destacar que o recurso máis xestionado correspóndese coa axuda de emerxencia social municipal e o salario da liberdade, xunto cos trámites para acceder aos servizos destinados aos menores. En menor medida son xestionadas as casas de acollida, atendendo a que as mulleres non desexan desarraigarse do seu entorno social e familiar. Destacan tamén as incorporacións ao programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, as tramitacións de teleasistencia móbil e as derivacións realizadas ao Servizo Público de Emprego e ao Instituto Galego de Vivenda e Solo.
O encargado de pechar o acto foi o alcalde de Ames, Santiago Amor, que agradeceu a presencia neste acto da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e felicitou ao persoal municipal que traballa no CIM por asumir o reto de poñer en marcha este novo centro de información á muller. O rexedor municipal explicou que “o compromiso do Concello de Ames é seguir traballando en todos os proxectos de igualdade e seguir mantendo os programas de conciliación, que son un ferramenta moi importante para que as mulleres poidan conciliar a súa vida familiar e laboral”. Santiago Amor rematou dicindo que “a postura do Concello de Ames é tolerancia cero coa violencia de xénero”.
As xestións realizadas polo goberno municipal ante a Xunta de Galicia permitiron que o Concello de Ames conte cun Centro de Información á Muller (CIM), que está situado nas oficinas municipais do Milladoiro e no que se ofrece asistencia xurídica e atención psicolóxica ás mulleres amienses que o precisen. O horario de atención ao público do CIM amiense é de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. O CIM está integrado por unha asesora xurídica que é tamén a directora, María Teresa Arufe, e unha psicóloga, pero tamén conta coa colaboración dos profesionais dos servizos sociais de atención primaria das Uniades de Traballo Social (UTS) e coas auxiliares administrativas.
Na presentación do CIM de Ames a concelleira de Benestar Social, Maria Eugenia Martín, agradeceu á Xunta de Galicia por seguir apostando polas políticas de igualdade. María Eugenia Martín explicou que “o Centro de Información á Muller xa leva un tempo funcionando en Ames e despois de facer unha avaliación dende a súa posta en marcha cremos que é o mellor momento para presentalo. Ademais, este acto enmárcase dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller”. A concelleira de Benestar Social engadiu que “este é un servizo moi necesario para o concello de Ames polas súas características poboacionais. Con este servizo conseguimos reforzar a atención ás mulleres do municipio e da súa área de influencia, que xa se viña prestando dende o departamento de Servizos Sociais”.
O Centro de Información á Muller é un departamento de carácter permanente destinado a proporcionar asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres. Ademais, os centros de información á muller proporcionan información e asesoramento en materia de igualdade de oportunidades.
Entre as funcións que desenvolve o CIM de Ames atópanse as de información e asesoramento xurídico, atención psicolóxica e información sobre os recursos dispoñibles para a muller no seu ámbito territorial. Ademais, leva a cabo accións de difusión e sensibilización sobre a igualdade entre homes e mulleres, funciona como canle de comunicación entre as usuarias e os organismos que teñen competencias en materia de muller e dan atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, poñendo á súa disposición todos os recursos existentes.
A secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, puxo en valor o traballo do goberno municipal, encabezado por Santiago Amor, polos diversos programas e actividades que veñen desenvolvendo en prol da igualdade de xénero. Susana López Abella manifestou que “nun concello de 30.030 habitantes era preciso un Centro de Información á Muller e agora xa é unha realidade. Dende a Secretaría Xeral de Igualdade destinamos preto de 20.000 euros para o mantemento deste CIM e para desenvolver varios programa de igualdade”. A secretaria xeral da Igualdade rematou dicindo que “hoxe é un gran día en prol da igualdade en Galicia xa que esta mañá creouse o Consello Galego das Mulleres”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames abre su Centro de Información á Muller con un programa de igualdad"
El Correo Gallego: "Ames estrena su CIM con el programa del 8-M y un logo"