Pestanas principais

O Concello de Ames presenta o programa “Movemento, consciencia e corporalidade”

Venres, 15 de outubro de 2021

A concellaría de Benestar Social, da man da asociación Arcea-Adames, pon en marcha o proxecto “Movemento, consciencia e corporalidade”. Con este proxecto once membros da Asociación Arcea-Adames se van beneficiar dunha sesión quincenal de ximnasia para mellorar o seu benestar cotiá. O proxecto “Movemento, consciencia e corporalidade” está subvencionado polo fondo social La Caixa.

O programa “Movemento, consciencia e corporalidade” presentouse, esta mañá, na sede da Asociación Arcea-Adames. Ao acto asistiron a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo; o presidente de Arcea Adames, Juan Satre; o director da oficina de La Caixa, Bertamiráns, Antonio González; Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames; a directora do centro, Natalia Castro, e a educadora, Cristina Lamas. No acto de presentación trasladáronlle aos once participantes a nova de que dende o vindeiro martes 19 van contar co programa de “Movemento, consciencia e corporalidade”, anuncio ao que responderon cun forte aplauso.

O obxectivo do programa “Movemento, consciencia e corporalidade” é dotar ás persoas con discapacidade da autonomía suficiente para obter o seu máximo nivel de benestar. O programa emprega o método Corpo e Consciencia que consiste nunha ximnasia doce que respecta a fisioloxía, o límite persoal e todos os biorritmos da natureza.

Este método propón catro direccións de traballo. A primeira consiste en recobrar a consciencia corporal a través do coñecemento de si mesmo, a segunda trata de buscar a verticalidade e un bo axuste postural dunha forma fluída e natural, a terceira por liberar a rixidez retida no corpo para rematar cun traballo para adquirir ou reforzar a mobilidade, o equilibrio e a autonomía.

Os/as once participantes do progama van recibir unha sesión quincenal desta ximnasia doce entre os meses de outubro e xullo. Será os martes de 10 a 11 horas no local que Arcea-Adames ten no Milladoiro.

O programa inclúe, tamén, unha saída terapéutica. Ao longo dunha xornada os/as participantes realizarán unha actividade terapéutica e cultural ao mesmo tempo que gozan dun almorzo grupal.

A asociación Arcea-Adames
Desde o ano 2003, a asociación Arcea-Adames traballa na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, a gran maioría en risco de exclusión.

A asociación conta cun centro ocupacional no Milladoiro con 14 prazas. Este centro ten como obxectivo dar unha ocupación, promovendo o desenvolvemento persoal e social dos usuarios con discapacidade intelectual para potenciar ao máximo o desenvolvemento das súas capacidades e habilidades, tanto para a vida cotiá como para o traballo.

Ademais, funciona como un recurso permanente para aquelas persoas que non poden acceder a outro tipo de emprego. O obxectivo deste centro é lograr que os seus usuarios sexan o máis autónomos posibles a través de actividades orientadas ao autocoidado, saúde e seguridade, habilidades no fogar e sociais e de comunicación.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Gimnasia por la autonomía de los vecinos discapacitados"

Lindeiros: 'Ames e Arcea Adames presenta o programa  “Movemento, consciencia e corporalidade"'

O Concello de Ames presenta o programa  “Movemento, consciencia e corporalidade”

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta o programa  “Movemento, consciencia e corporalidade”