[15-09-2016] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu o acto de presentación do programa Apego. Trátase dunha iniciativa, dirixida ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, que promove e arroupa a transmisión da lingua entre a rapazada. As familias que se sumen ao proxecto, cun neno/a nacido en 2016, terán un agasallo de benvida. Neste acto fíxose entrega do material de Apego aos primeiros pais e nais que se sumaron a este proxecto. Da presentación encargáronse o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e a técnica do servizo municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. Os membros do goberno coincidiron en destacar que nos obxectivos deste programa están implicados todos os departamentos municipais.


Agasallos de benvida para familias con nenos/as nados en 2016
As inscricións pódense realizar dende a páxina web www.apego.gal, chamando ao número de teléfono 662 377 215 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. As familias que se sumen ao proxecto, cun neno/a nacido en 2016, terán un agasallo de benvida con materiais e recursos moi útiles especialmente creados para o tempo de agarda e preparación.
Na presentación, ademais dos membros do goberno municipal, estiveron presentes as directoras das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena, representantes da asociación Teta e Coliño de apoio á lactación materna e á crianza con apego, así como os primeiros pais e nais que se sumaron á comunidade do Apego.
Aproveitouse tamén este acto para presentar a variada programación infantil dos diferentes departamentos do Concello de Ames para os vindeiros meses (setembro, outubro, novembro e decembro). Por primeira vez editouse un folleto informativo que recolle toda a programación infantil (teatro, concertos, actividades ambientais, contacontos, charlas, maxia, danza, etc.).
23 concellos participan no programa
O programa Apego comezou a funcionar en marzo de 2015 coa sinatura dun protocolo de colaboración por parte dos concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Posteriormente, o pasado 9 de abril, ampliouse o número de concellos participantes coa sinatura dun novo protocolo no que se sumou o Concello de Ames, xunto a outros 10 concellos (A Coruña, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo). Deste xeito, esta iniciativa de cooperación intermunicipal, ampliouse a 23 concellos e a unha poboación de máis do millón de habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas galegas.
Os concellos participantes desenvolven ao longo do ano diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deséñanse e distribúense materiais específicos, organízanse actividades, achéganse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir gozando del.
O Apego naceu dunha proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e coordinase e mantense dende os servizos de normalización lingüística dos 23 concellos participantes. As familias que estean interesadas neste proxecto poden atopar ampla imformación tanto na súa páxina www.apego.gal como no perfil de Facebook: www.facebook.com/apego.gal.
A presentación comezou cun vídeo do programa Apego no que se anima as familias, que están agardando a chegada dun novo membro e ás que teñen nenos e nenas ata 6 anos, a que se sumen a este proxecto. A través desta iniciativa preténdese axudar á socialización en galego e proponse o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo a esta terra, porque a lingua que mamamos, na que aprendemos a falar, vai ser a base da identidade futura dos nosos fillos e fillas. A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo.
A continuación, o alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “a Administración local ten a obriga de traballar en prol da lingua galega e iso é o que estamos facendo coa adhesión a este programa. No pacto de investidura e posteriormente no programa do goberno municipal recóllese un punto no que, inicialmente eu como alcalde e despois todo o grupo de goberno, nos comprometemos a recuperar as políticas de normalización lingüística na administración municipal, concienciar da necesidade de conservar e preservar a nosa lingua, e crear novos espazos e redes para fomentar o uso social do galego”.
Apego é un programa colectivo creado para impulsar e mellorar o uso do galego como lingua inicial, como lingua na que aprendemos a falar e a expresar as nosas emocións, como lingua na que nos asomamos ao mundo desde o lugar onde nacemos. Apego é amor, afecto, empatía e vínculo. Por iso esa palabra define tan ben esta iniciativa que pretende incentivar e facilitar o uso da lingua dende o nacemento e que se centra nos sentimentos e nas emocións para tecer o futuro con responsabilidade e con orgullo desde as raíces e na lingua propia de Galicia. Para todo iso é fundamental contar co compromiso das familias, dos educadores/as e, en xeral, de todos os ámbitos sociais que rodean as crianzas.
Para contribuír a lograr todo iso dende o programa Apego ofrécese apoio a través de tres piares: información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Para participar tan só hai que cumprir dous requisitos: estar empadroado en Ames e estar agardando un bebé ou ter un neno/a de 0 a 6 anos.
A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, explicou que “traballar e aprender a lingua na escola non é suficiente para preservala. Por iso é imprescindible abrir a utilización do galego a todos os contextos posibles. Os nenos e nenas teñen que ter a posibilidade de poder falar en galego non só nas clases, senón que é importante que o fagan no patio cos seus amigos, nas casas coas súas familias, etc. Axudar a crear eses espazos é o que nos corresponde facer a nós como administración local, así como axudar ás familias que queiran criar aos seus fillos/as en galego”. 
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Difunden el gallego con Apego y regalo en Ames"
La Voz de Galicia:"Ames apúntase ao galego con Apego"




