Pestanas principais

O Concello de Ames presenta o plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais

Venres, 24 de xullo de 2015

[24-07-2015] Esta mañá o salón de Plenos da Cas do Concello acolleu a presentación do plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais. A través deste plan, que se activa durante a época estival, artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames, para paliar as consecuencias no caso de que un incendio forestal se converta nun perigo para as persoas e os bens municipais. As medidas e ferramentas aplicadas pola Administración local pódense dividir en dúas; preventivas e de colaboración na disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios forestais.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de realizar a presentación deste plan. Neste acto tamén estiveron a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, varios técnicos municipais dos departamentos de Obras, Medio Ambiente e Desenvolvemento Local, así como o oficial da Policía Local e os membros que forma a brigada de prevención e extinción de incendios forestais do Concello de Ames, que está formada por cinco peóns e un xefe de brigada.

O rexedor municipal explicou que “neste documento de traballo recóllense os medios de persoal e material para poñer a disposición do distrito forestal en caso de declararse un lume no monte amesán. A través deste plan trátase de ordenar e artellar os medios dos que dispón o Concello de Ames no caso de que exista a necesidade de actuar na extinción dun incendio forestal”. Por último engadiu que “de cara aos vindeiros anos trataremos de reforzar o traballo de prevención”.

En canto á disposición de medios enfocados á defensa das persoas e dos bens como consecuencia dos incendios, o Concello de Ames acordou a contratación dos servizos dun tractor forestal e tractorista con cisterna e lanzadeira anti-incendios con dispoñibilidade para os días de alto perigo de incendios forestais. Este tractor forma parte dos equipamentos que pode mobilizar o Concello en situacións de especial risco, formado por medios achegados por concesionarias de servizos públicos e outras empresas. Entre estes, destaca un camión cisterna, unha pala de rodas, outra de cadeas, bombas de achique e maquinaria.

Operativo municipal de prevención e defensa
O operativo municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais está dirixido polo alcalde de Ames, José Miñones, e está composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal. Deste xeito, consta dun grupo de intervención e outro de seguridade, no que se inclúen membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica ou da brigada de medio ambiente. O operativo tamén conta cun grupo de transmisións e con outro sanitario e de acción social, no que se inclúen traballadores sociais, médicos de atención primaria, farmacéuticos, veterinarios e persoal da Cruz Vermella.

O obxectivo é unir esforzos e colaborar con medios propios e concertados na extinción de incendios. O Concello de Ames pon a disposición do distrito forestal todos os medios posibles para atallar estas situacións de risco. Con todo, o goberno municipal fai un chamamento á colaboración da cidadanía para que colabore con este plan. Concretamente solicita que quen se decate da existencia dun incendio o comunique ao teléfono 085 ou 112 e que se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames activa el plan contra el fuego con una brigada a partir del lunes"