Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”

Martes, 21 de novembro de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano, que leva por nome “Bonos Consuma”, busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. A presentación da campaña realizouse esta mañá no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro. Participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo técnico municipal responsable da campaña, Jorge Couñago. Previamente á presentación da campaña asinouse o convenio entre o alcalde e mailo representante de Abanca, Jose Manuel Vilariño Orgeira, entidade colaboradora en dita campaña.

Despois do éxito das edicións de 2021 e 2022, o Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, foi presentada esta mañá polo alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o técnico municipal de Promoción Económica, Jorge Couñago.

En dita presentación tamén participaron concelleiros e concelleiras dos grupo municipais do Partido Popular e do BNG, así como representantes das tres asociacións de empresarios e comerciantes do concello de Ames: Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e Asociación de pequenos comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar.

Previamente á presentación da campaña asinouse o convenio entre o alcalde, Blas García, e mailo representante de Abanca, Jose Manuel Vilariño Orgeira, entidade colaboradora en dita campaña.

O alcalde, Blas García, destacou a importancia deste tipo de campañas, especialmente durante as festas de Nadal “cando tanto comerciantes como veciños necesitan máis axuda”. Tamén fixo referencia ao carácter pioneiro do concello na posta en marcha deste programa: “Durante a pandemia fomos pioneiros ao poñer en marcha o programa de bonos Ames Progresa, que despertou interese doutros concellos que nos chamaron porque querían impulsar iniciativas semellantes”.

A concelleira de promoción Económicas, Ana Belén Paz, explicou que “nesta campaña de Bonos consuma póñense en circulación 61.000 euros repartidos en bonos cun valor de 50 euros. Esta contía irase reducindo en función da compra realizada. Os bonos están dirixidos tanto á veciñanza de Ames coma a aquelas persoas doutros concellos que compran no noso concello. Para esta campaña creamos unha páxina web e unha aplicación móbil tanto para que os establecementos que estean interesados se adhiran á campaña, coma para que as persoas que queiran dispor dos bonos os poidan descargar Deste xeito, seguimos impulsando o comercio e maila hostalaría local”.

Unha convocatoria con novidades
A campaña comezará este xoves, 23 de novembro, coa apertura das inscricións para que se adhiran todos os establecemento interesados en participar, e prolongarase ata o 31 de xaneiro de 2024.  

Este ano destinaranse, en convenio con Abanca, un total de 80.000 euros aos Bonos Consuma. A maior parte deses fondos vaise destinar a axudas directas para a adquisición dos bonos, pero unha parte está destinada a sufragar dúas das novidades máis importantes desta convocatoria: a creación dunha páxina web (www.bonosconsuma.gal) e dunha aplicación móbil. O obxectivo principal destas ferramentas, segundo sinalou o alcalde, é que supoñan “unha descarga de traballo para os comerciantes, aos que lles é máis doado empregar códigos QR á hora de aplicar os descontos”.

Características dos Bonos Consuma
A campaña Bonos Consuma busca promocionar os sectores de comercio e hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 50€ para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa. Como vai funcionar este desconto? O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada:

-Desconto de 5€ en compras iguais ou superiores a 10€, e inferiores a 30€.
-Desconto de 10€ en compras iguais ou superiores a 30€, e inferiores a 50€.
-Desconto de 15€ en compras iguais ou superiores a 50€.

Como se obteñen?
Os bonos estarán dispoñibles na aplicación móbil para a súa descarga desde o 15 de decembro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2024. Calquera persoa maior de idade -sexa ou non residente de Ames- poderá acceder a eles rexistrándose na aplicación, que tamén servirá para recargalos. Para canxealos só haberá que amosar un código QR nos establecementos adheridos cando se proceda ao pago da compra.

No caso dos establecementos, a campaña busca atraer non só ao comercio e á hostalería, senón tamén a servizos como perruquerías ou centros veterinarios. Aqueles establecementos que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 23 de novembro e o 8 de decembro, ambos incluídos. Todos os comercios participantes terán contarán cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea los Bonos Consuma con vales de 50 euros para reactivar el comercio local"

El Correo Gallego: "Plan de reactivación de Ames: o Concello mobiliza 61.000 euros para comercio e hostelería"

Ames Go: "Ames lanza unha nova campaña de tarxetas bono para incentivar o consumo no comercio e hostalería"

Enfoques: "Ames vuelve a lanzar sus Bonos Consuma"

O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
Descargas: 

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”
  • O Concello de Ames presenta a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”