Pestanas principais

O Concello de Ames presenta a batería de actividades que conforman a programación do 8M

Mércores, 01 de marzo de 2023

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación das actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller 2023, que se conmemora o 8 de marzo. Ao longo das vindeiras semanas terán lugar unha campaña nos centros educativos, unha carreira feminista, obras de teatro, un programa dirixido a vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, distintos obradoiros de autocoidado e unha exposición fotográfica, ademais do habitual acto institucional. O programa ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, presentou esta mañá a programación que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, e persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e da Oficina de Voluntariado de Ames: Mayte Arufe, Mónica Antelo e Soraya Añón.

Ademais de incluír o xa habitual acto institucional, que se celebrará o propio día 8 de marzo, o programa complétase con diversas iniciativas: un photocall, unha carreira feminista, unha obra de teatro, un programa dirixido a vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables, obradoiros de autocoidado e unha exposición fotográfica.

“Marzo non é un mes de festexo nin de celebración, senón que é un mes no que, por desgracia, temos que seguir reivindicando”, sinalou a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo. “Levamos moito avanzado sobre a igualdade formal, pero fáltanos aínda conseguir a igualdade real, tanto en dereitos como en aspectos básicos como os salarios, o acceso a determinados postos ou a saúde reprodutiva. Coa igualdade non gañamos só as mulleres, gaña a sociedade no seu conxunto, estamos a desperdiciar a metade do talento. Tócanos seguir traballando”, aseverou. Nese senso, a concelleira explicou que “aglutinamos neste mes distintas actividades para visibilizar, para concienciar e para sensibilizar. Dende o CIM de Ames propoñemos nove actividades, que se suman a outras organizadas polos departamentos de Cultura e Bibliotecas”.

Pola súa banda, a directora do CIM, Mayte Arufe, animou aos amesáns e amesás a participar nas distintas iniciativas, facendo fincapé en que “hai actividades para todos os gustos: dende o ámbito do deporte ata o teatro, pasando por obradoiros”. Así mesmo, reivindicou a necesidade de “loitar pola igualdade formando parte destas actividades, visibilizándoas e facendo que a xente se implique”.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “o traballo que se fai dende o CIM, que se visibiliza máis nas presentacións do 8M e do 25N, pero que se fai todos os días”. O rexedor insistiu tamén na aposta que se fai dende Ames pola igualdade, sinalando a importancia de levar as propostas feministas ata os centros educativos do concello. “Das ideas que collan os máis novos seguramente chegará a concienciación no futuro. É importante concienciar á cidadanía, e debemos continuar programando este tipo de actividades ata que a igualdade sexa real”, finalizou.

Programa de actividades
Dende hoxe, e ata o vindeiro 8 de marzo, estará posta en marcha nos centros educativos unha campaña que pretende concienciar aos máis novos sobre a importancia do feminismo. Todos os colexios e institutos do concello recibiron uns “bocadillos” co símbolo feminista e con diversas frases que pretenden contradicir algúns dos mitos máis comúns do amor romántico. Deste xeito, os rapaces e rapazas poderán elaborar o seu propio photocall. O obxectivo da actividade é abrir unha liña de debate arredor dos atrancos aos que se enfrontan todas as mulleres a diario.

O propio Día Internacional da Muller, o 8M, celebrarase o tradicional acto institucional na praza do Concello, en Bertamiráns, ás 18:00 horas. Nel farase a lectura do manifesto institucional e repartirase material promocional. Así mesmo, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) realizará unha actuación musical. Por outra banda, instalaranse tamén os diversos “bocadillos” do photocall para que todas as persoas que o desexan poidan tomar unha foto.

Xa o sábado 11 de marzo, terá lugar a III edición da carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha cita non competitiva e lúdica na que as persoas participantes percorrerán uns 1.500 metros e se enfrontarán a 12 obstáculos. O obxectivo é reivindicar, a través das diferentes trabas que se poñen na proba, todos os atrancos aos que as mulleres se ven sometidas no día a día. Ditos obstáculos pódense completar de maneira individual ou con axuda de calquera persoa. As inscricións pódense facer de balde premendo nesta ligazón ou de maneira presencial (nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro ou en Bertamiráns), ata o día 10.

O venres 17 o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación de “A señora de Forcadela”, ás 20:30 horas. A obra de teatro narra unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, que foi detida durante o ano 1936 e retida na prisión de Tui. A súa vida foi salvada grazas á intervención dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada, e a súa pena de morte foi conmutada por cadea perpetua e, posteriormente, reducida a seis anos. As entradas para o espectáculo xa se poden reservar, de balde, na Billeteira electrónica do Concello.

Así mesmo, dentro da programación do 8M, volveuse a poñer en marcha o programa “Mulleres en rede”, unha das actividades de maior peso no programa, xa que está dirixida especialmente a mulleres que sufriron violencia de xénero e que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estase a desenvolver dende febreiro un curso na Casa da Cultura, e estenderase ata o vindeiro 21 de abril. No obradoiro, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral tratan de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como de buscarlles oportunidades laborais.

Por outra banda, ao longo de marzo celebraranse tamén diversos talleres e charlas de autocoidados femininos, tamén financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así, organízanse distintas sesións tanto no Milladoiro (na Casa das Asociación da rúa Agro do Medio, no antigo centro de saúde, os xoves ás 17:00 horas) como en Bertamiráns (na Casa dos Maiores, os mércores ás 19:00 horas). Ditos obradoiros versarán sobre temas como a regulación emocional, o solo pélvico, a menopausia ou a sexualidade feminina. Premendo nesta ligazón podes coñecer o programa ao completo.

O itinerario do 8M rematará coa exposición fotográfica “Sinaladas”, ofrecida pola Deputación da Coruña e organizada en colaboración co departamento de Cultura, que se poderá visitar no Milladoiro dende o 27 de marzo ao 21 de abril, e que xirará arredor da loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames reivindica el 8M con actos para luchar por la igualdad"

Lindeiros: "Ames presenta a programación do 8M"

El Correo Gallego: "Homenaje a trabajadoras de Axuda no Fogar, carrera feminista, teatro y charlas para el 8M en Valga y Ames"

Enfoques: "Así será el 8-M en Ames: campaña en colegios, carrera feminista, teatro, talleres o un photocall"

Mayte Arufe, directora do CIM; Blas García, alcalde de Ames; Luísa Feijóo, concelleira de Igualdade; Mónica Antelo, persoal do CIM; e Soraya Añón, persoal da Oficina de Voluntariado

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a batería de actividades que conforman a programación do 8M
  • O Concello de Ames presenta a batería de actividades que conforman a programación do 8M
  • O Concello de Ames presenta a batería de actividades que conforman a programación do 8M